Ferreira suspende in extremis unha reunión co Sergas para a apertura do novo Centro de Saúde

A presidenta e portavoz do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, tacha de lamentable e prexudicial para os veciños de Gondomar que o goberno do concello siga retrasando a apertura do novo Centro de Saúde de Gondomar, que xa está preparado dende primeiros de ano para recibir aos primeiros pacientes, unha vez que terminaron as obras que lle correspondían ao Servizo Galego de Saúde (Sergas), a pesar da boa sintonía demostrada polo Sergas e que o alcalde non sabe aproveitar.

Debido ao retraso por parte do concello na acometida das obras que lle corresponden polo convenio subscrito co Sergas, o subdirector de Obras convocou ao concello a unha xuntanza para intentar desatrancar o retraso na apertura do centro. Nun principio o concello confirmou a xuntanza para o luns 12, á que acudiría o alcalde, pero días despois Paco Ferreira solicitou o cambio para o mércores 14 ao que accedeu o subdirector de Obras do Sergas. A sorpresa foi maior cando este martes a última hora o concello informou que se cancelaba a reunión por motivos de axenda do alcalde.

A portavoz do Partido Popular de Gondomar lamenta o pouco interese que demostra o alcalde na apertura do novo centro de saúde que viría a mellorar a calidade asistencial a todos os veciños de Gondomar.

“Non é de recibo que o alcalde Francisco Ferreira retrase a apertura deste centro de saúde, e demostre con estes actos a súa nula capacidade por solucionar os problemas de todos os veciños de Gondomar”, manifestaba a portavoz do PP de Gondomar.

Anuncios