Baiona conciencia sobre o uso excesivo dos plásticos

O Concello de Baiona participa na campaña “Experiencias Sostibles”, de concienciación e loita contra os plásticos, posta en marcha pola Deputación de Pontevedra. Este mércores estivo unha carpa situada na rúa Carabela Pinta para concienciar aos veciños/as e viandantes sobre a necesidade de apostar e promover a sustentabilidade cunha serie de iniciativas como reducir o uso de materiais contaminantes, potenciar a reciclaxe e dar pequenos pasos para reducir a utilización do plástico na nosa vida diaria.

Estiveron tres monitores ambientais para concienciar e difundir a información entre o público en xeral e en particular aos mozos, que son o futuro e os que deben ter unha maior sensibilidade para conseguir un dos obxectivos primordiais que é a disciplina de educación ambiental, para dar a coñecer as accións simbólicas de recollida destes materiais. A cambio puideron beneficiarse dun vaso compostable elaborado con fécula de pataca e millo que non deixa pegada e non é prexudicial para o medio ambiente, ademais dunha mochila de tea, imáns, cinceiros etc., esgotando todo o material a repartir.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Baiona, Carlos Gómez, achegouse ao stand para dar a coñecer a campaña. Alí sinalou que “os plásticos son un dos grandes inimigos invisibles da humanidade e do planeta”. “Hoxe hai cinco illas de plástico nos océanos e ademais a maioría tardan centos de anos en desaparecer -subliñou a presidenta-. Hai un dato que amosa o drama. Os expertos din que no 2050 vai a haber máis plásticos no mar que peixes”. Neste senso, destacou o papel que deben ter as administracións para concienciar e modificar os hábitos de vida. “Xa comeza a haber normas que nos obrigan a adaptarnos a un mundo novo e distinto e as Administracións temos que ser axentes dos cambios”, afirmou Silva.

2019-08-14 - 20190814133155_IMG_1837