Rallye aciago para Alberto Meira en Santiago

A cita da capital galega non deparou unha boa fin de semana para o equipo AMF Motorsport, que sae desta sexta proba da tempada coas mans baleiras despois de que Alberto Meira e José Murado vísense obrigados ao abandono por avaría no Citroën DS3 R5.

Meira finalizaba en cuarta posición a xornada do venres tras os dous pasos polo tramo urbano ao redor do Estadio de San Lázaro, cedendo pouco máis de sete segundos, aínda que o piloto de Gondomar sabía que o verdadeiramente importante comezaba ao día seguinte.

O sábado amencía cos tramos mollados pero cuxo asfalto se ía a ir secando conforme avanzase o día e o paso dos participantes. De todos os xeitos, a elección de pneumáticos para a primeira sección ía ser moi importante e ía marcar as primeiras diferenzas. Sen atoparse do todo cómodo, Meira terminaba o bucle a 35 segundos da cabeza e co Citroën dando sinais de que algo non ía ben co embrague.

Os membros da asistencia puxéronse ao choio para emendar a avaría, pero a pesar do seu gran esforzo, non houbo forma de poder seguir en carreira polo que o abandono finalmente consumábase.

A pesar de ceder un terreo importante para a loita polo título, Meira mantense optimista: “Neste Botafumeiro sufrimos un serio revés, pero necesitamos pensar xa no Rallye Ribeira Sacra e tratar de recortar puntos ao líder do campionato en cada carreira para chegar con opcións, hai que facer tres rallyes perfectos, sen erros nin avarías se queremos pelexar polo título”.

O equipo AMF Motorsport márchase de Santiago situado na terceira posición xeral do Campionato Galego de Rallyes, a só 15 puntos da segunda praza.

Anuncios