Marta Magdalena García ten 16 anos e xa é toda unha reporteira. Veciña de Priegue e estudante de 1º de Bacharelato, fai reportaxes e entrevistas desde hai un tempo sobre temas que lle parece que teñen certa importancia ou relevancia na sociedade. Desde o pasado 3 de agosto pódese ver o resultado do seu primeiro traballo, unha reportaxe sobre a situación dos GES en Galicia, e máis concretamente o do Val Miñor.
“A idea xurdiu tras falar cun membro do GES, que coñecía previamente, porque me decatei un pouco de cal era a situación. Entón empecei a investigar. Despois, ao informarme mellor, decidín que o ía a facer sobre isto porque me parece que é un servizo básico que non debería estar nestas condicións e do que realmente non coñeces a situación ata que cha contan ou che ves afectado directamente”, comenta Marta.
Na reportaxe entrevista a un membro do GES do Val Miñor, ao alcalde de Nigrán e ao presidente da Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias). Nestas tres entrevistas vénse reflectidas as distintas opinións sobre o funcionamento dos servizos de emerxencias, a situación laboral dos seus integrantes e o grao de seguridade baixo o que está un sector da poboación galega.
“Quería coñecer máis a fondo como funcionaba o servizo e non ter só a opinión dos GES, senón a dos políticos (tamén tentei contactar con algún membro responsable da Xunta pero non obtiven ningunha resposta). Agora sigo con outros proxectos sobre temas como a crise migratoria europea, a integración dos refuxiados, etc”, conclúe Marta.

