A oitava edición da “Challenge Rías Baixas” reunirá esta fin de semana a 200 ciclistas para disputar as súas tres etapas. A proba, organizada polo club ciclista “Master da Louriña”, presentouse esta mañá no Concello do Porriño, nun acto no que participaron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a vicepresidenta da Deputación e responsable da área de Deportes, Luisa Sánchez, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Ponteareas, Luis Rodríguez, o alcalde de Nigrán, Juan González, o presidente do club organizador, Juan José Álvarez, representantes da Federación Galega de Ciclismo e patrocinadores da proba.
Juan José Álvarez, presidente do club, apuntou que un ano máis a carreira “asegura o espectáculo deportivo” e adiantou algunhas das novidades desta edición, como a incorporación do Concello de Nigrán como patrocinador da sección feminina da proba ou a inclusión da etapa de Mos na Copa de Galicia. Álvarez lembrou que “se trata dunha proba na que os máster poden correr nunha carreira oficial, e este é un dos seus grandes atractivos”. Pola súa banda, Rafael Pérez, do patrocinador LASAL, quixo salientar “o innegable traballo que desenvolve a organización e a paixón coa que o fan”, motivo polo cal “sempre será un orgullo colaborar con eles no noso pobo”.
O Director Técnico da Federación Galega de Ciclismo, Jacobo Ucha, eloxiou o “complicado traballo loxístico que supón unha proba desta magnitude, que involucra a catro concellos e que o Master Louriña leva a cabo con solvencia. De aí que a Challenge Rías Baixas sexa xa unha proba de referencia no ciclismo master galego”. Juan González, alcalde de Nigrán, mostrouse entusiasmado de “incorporarnos a este grupo e máis aínda de facelo apoiando ao deporte feminino” e sumouse ás felicitacións á organización. No mesmo sentido se manifestou o edil Luis Rodríguez, destacando que Ponteareas “sempre estará apoiando o deporte, e como non, o ciclismo e quen fai posible este tipo de eventos. Por iso é un pracer para nós participar nesta nova edición da Challenge”.
Pola súa banda a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, adiantou que no Pazo de Mos, onde dará saída a proba, “será un día de festa no que imos dalo todo e a facer da Louriña un referente do ciclismo” e incidiu no agradecemento aos organizadores, “un orgullo o traballo que facedes ano tras ano”. A responsable provincial de Deportes, Luisa Sánchez, lembrou que “falar do Porriño, Ponteareas e Mos é falar de ciclismo” e por iso “ninguén mellor ca eles para facer unha proba que está no top do ciclismo master, algo que axuda a revitalizar a provincia e situarnos tamén no foco turístico”.
Pechou o acto o alcalde anfitrión, Alejandro Lorenzo, animando a todo o mundo a “vir a desfrutar dos dous días da proba e achegarse este domingo ao Porriño a vivir a etapa raíña da Challenge, unha excelente oportunidade para coñecer ademais a nosa riqueza paisaxística e cultural”. Lorenzo reiterou o agradecemento a un club “que pon o corazón en cada evento que organizan, e iso é garantía de éxito”.

