O “Musigal 2019” chega este sábado a Nigrán con “Son galego, son cubano”

O programa da Deputación de Pontevedra “Musigal 2019” chega este próximo sábado á vila de Nigrán, no marco do Festival “Chan de Folk”, co espectáculo do artista Roi Casal “Son galego, son cubano” que vaise desenvolver na Carballeira de Chandebrito ás 21:00 horas. Este proxecto musical foi presentado por vez primeira no Gran Teatro de la Habana con dous concertos en 2016 e constitúe o gran espectáculo musical entre Galicia e Cuba, un show que conta coas letras de Neira Vilas (traballou conxuntamente neste proxecto con Casal ata o seu falecemento en 2015) e a posta en escena de músicos de ambos países. A xira está considerada como unha homenaxe ao propio Neira Vilas e á emigración galega en Cuba, onde o autor residiu 31 anos e deixou rexistrada en varias das súas obras a pegada dos galegos na illa caribeña.

O programa “Musigal 2019” ten por obxectivo favorecer a programación artística dos concellos e diríxese especificamente aos grupos e artistas profesionais de música. Un dos seus obxectivos é a dinamización da lingua galega, en canto que busca favorecer a vivencia positiva no noso idioma e contribuír á posta en valor da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da infancia e da mocidade e á toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia de Pontevedra.

Este ano desenvólvese a segunda edición do programa da institución provincial, no que participan máis de 100 artistas e grupos -na anterior foron 70 os inscritos- con domicilio social en Pontevedra, e que está presupostado en 500.000 euros. Neste mes de agosto desenvólvense un total de trece actuacións na provincia enmarcadas neste plan, que achegarán a música galega a outros tantos concellos.

Anuncios