Gondomar adquirirá un coche patrulla 4×4 híbrido

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Xefatura da Policía Local de Gondomar.

A Policía Local de Gondomar verá reforzado o seu escaso parque móbil cun coche patrulla 4×4 asignado a materia de protección do espazo natural, grazas a unha subvención concedida pola Consellería de Medio Ambiente que rolda os 40.000 euros con impostos incluídos. O inspector xefe do corpo, Obdulio Iglesias, mostrouse moi satisfeito tras coñecer a luz verde por parte da Administración autonómica e cuxo prazo de presentación de ofertas das diferentes marcas finaliza mañá xoves 8 de agosto, xa que grazas a este novo activo poderán cubrir zonas do rural inaccesibles para un vehículo tradicional.

A pesar de que ata a día de onte a oferta permanecía deserta, Iglesias adiantou que unha coñecida marca de automóbiles está moi interesada en ofertar un SUV que cumpre as características recollidas nos pregos, e que ademais se cingue perfectamente á finalidade para a que estaría destinado ao tratarse dun coche híbrido. O único problema co que contan é que se sae lixeiramente do orzamento, aínda que se mostrou confiado en que poidan chegar a un acordo co fabricante. “Levamos dous anos informando para obter unha subvención que nos permita obter este recurso, que estaría dirixido a salvagardar o medio ambiente así como elementos do patrimonio cultural e da natureza”, engadiu o mando do corpo local de seguridade. Así pois e coa nova adquisición o número total de vehículos patrulla ascenderá a catro, dous coches e dúas motocicletas. Un número que de xeito evidente resulta moi baixo tendo en conta que tan só o termo municipal da vila abarca 75 quilómetros cadrados, o que é o mesmo, a metade da comarca do Val Miñor. “A verdade que nos vai a ser de gran axuda, porque ademais de darnos máis versatilidade á hora de levar a cabo os operativos é un reforzo por exemplo no caso dunha avaría. O feito de ter que levar o vehículo a unha revisión rutineira ata agora causábanos moitísimos trastornos”, explicou.

A pesar de que o prazo está a piques de finalizar, desde o corpo de seguridade local non o teñen todo perdido xa que no caso de que non se pechase a operación terían a posibilidade de realizar unha prórroga, cuxa duración estaría por determinar. Aínda así se non conseguisen “pretendente” algún tería que volver elaborar os pregos o que lles levaría a unha demora de varios meses. Con todo non perderían os 39.930 euros outorgados pola Xunta, xa que se trata dunha subvención pechada que consta de dúas partes. A primeira e por valor de 30.330 euros para a adquisición do SUV e a segunda para o seu equipamento como coche patrulla por 9.600 euros.

Gondomar destinará a súa nova adquisición para a vixilancia e control de zonas destinadas ao sector primario e secundario, ríos ou patrimonios culturais tales como petróglifos, castros ou diversos elementos arquitectónicos, entre outros, todos eles situados no rural.

Anuncios