A danza e o teatro familiar copan a fin de semana cultural de Gondomar

O Auditorio Lois Tobío de Gondomar acollerá este sábado 20 de novembro, a partir das 21:30 horas, o espectáculo de danza “Bailar Agora”, premiado con tres María Casares nas categorías de actriz protagonista, dirección e iluminación, e o FETEGA ao mellor espectáculo do ano, entre outros. Sobre as táboas Marta Alonso Tejada, que a través da súa montaxe convida ao público a coñecer a súa traxectoria como profesional e os sacrificios que o baile pode chegar a esixir.

“Bailar Agora”, protagonizada e dirixida pola propia Marta Alonso, é un espectáculo no que a danza, o humor e a proximidade cos espectadores “xeran unha atmosfera particular do cotiá, do natural, do común e do esperanzador que se comparte na escena”.

O domingo 21 de novembro, ás 12:30 horas, será a quenda para as familias, que poderán gozar e aprender do espectáculo “Cartoons”, protagonizado por Josito Porto e Víctor Mosqueira, que tamén dirixe a obra. Nela dous divertidos clowns que viven rodeados de cartóns descobren a importancia deste material. A través do transcurso das escenas estimulan ao auditorio infantil a descubrir todo o que se pode facer co cartón “converténdose o espectáculo nun vehículo de valores como a colaboración, a solidariedade e a conciencia ecolóxica”.

Máis información: https://taquilla.concellodegondomar.gal.