A Deputación adecuará os puntos limpos de Gondomar e Nigrán no marco do ESTRAEE

Punto limpo de Vincios.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vén de anunciar a aprobación pola Xunta de Goberno do proxecto de obras para a adecuación de nove puntos limpos na provincia ao abeiro do proxecto europeo ESTRAEE, que ten por obxectivo poñer en marcha unha estratexia sostible transfronteiriza para a xestión dos residuos xerados por aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Deste xeito, a institución provincial pon en marcha as actuacións necesarias para o acondicionamento destes puntos limpos, cuxo orzamento total ascende a 618.000 euros.

Máis polo miúdo, os puntos limpos incluídos neste proxecto de obras están situados en Meaño (no lugar Trubisquido), na Guarda (na Sangriña), na Lama (en Racelo-Polígono industrial), en Gondomar (no lugar Pasaxe 321), en Nigrán (na rúa Gándara), na Mancomunidade do Morrazo (na avenida Castiñeiras, de Bueu), en Ponteareas (na estrada Guians), en Silleda (na N-525), e en Vilagarcía de Arousa. En total, o proxecto transfronteirizo contempla a actuación en dezaoito puntos limpos, nove na provincia de Pontevedra e outros nove na zona de Portugal.

Despois de levar a cabo unha análise, detectáronse unha serie de necesidades de mellora comúns aos nove puntos limpos da provincia de Pontevedra, polo que a intervención será similar en todos eles. Así, a maior parte de actuacións consisten na reforma ou nova construción de almacéns para RAEE e reutilización, instalación de iluminación ou provisión de sistemas de protección contra incendios e paneis indicativos. Amais da adecuación destes puntos limpos, ESTRAEE tamén está a desenvolver outras accións como a elaboración da ordenanza sobre xestión sostible dos RAEE, a implantación da bolsa de recursos e materias primas secundarios, a análise do ciclo de vida das diferentes tipoloxías de RAEE, o fomento da motivación social e implicación de produtores e fabricantes na nova estratexia de xestión, e a preparación para a reutilización como opción prioritaria en xestión de RAEE.

ESTRAEE é un proxecto que conta cun orzamento superior aos 2 millóns de euros, o 75% pertencentes a fondos da Unión Europea, que busca dar un salto cualitativo na xestión ambiental e na adaptación á estratexia europea 2020 no ámbito da protección dos recursos naturais e eficiencia na xestión dos residuos. A Deputación de Pontevedra é a socia líder deste proxecto no que participan outras tres entidades españolas e dúas portuguesas con ampla experiencia na reciclaxe e innovación tecnolóxica. Neste contexto, ESTRAEE está enmarcado nun dos principais eixos da institución provincial da aposta polo medio ambiente cara a transición ecolóxica.

ACTUACIÓNS NOS PUNTOS LIMPOS DO PROXECTO ESTRAEE

PUNTO LIMPO DE GONDOMAR, (LG PASAXE 321)

Neste punto limpo detectáronse as seguintes irregularidades:
• A instalación non dispón dun almacén de RAAE.
• A instalación non dispón dun edificio de reutilización de residuos.
• Os roubos son habituais.
Por isto, para mellorar o funcionamento deste punto limpo, están previstas as seguintes actuacións:
• Construción dun almacén de RAEE que estará totalmente cerrado, con solera impermeabilizada e arqueta cega para posibles derrames.
• Construción no nivel inferior dun edificio destinado a almacén e a reutilización, totalmente cerrado.
• Instalación de iluminación no almacén.
• Proveer dun sistema de protección contra incendios e paneis indicativos.

PUNTO LIMPO DE NIGRÁN, (RÚA GÁNDARA Nº 16)

Neste punto limpo detectáronse as seguintes irregularidades:
• A instalación non dispón dun edificio de reutilización de residuos.
• Débese aumentar a instalación de iluminación do almacén, así como colocar portas corredoiras no fronte con peche de seguridade.
Por isto, para mellorar o funcionamento deste punto limpo, están previstas as seguintes actuacións:
• Aumentar a instalación da iluminación e colocación de portas corredoiras con peche de seguridade.
• Construción no nivel superior dun edificio para a reutilización e que poida ser utilizado como almacén de RAEE, estará totalmente cerrado e adosado ao edificio existente.
• Proveer dun sistema de protección contra incendios e paneis indicativos.