O equipamento sanitario remitido polo Goberno á Xunta inclúe preto de 220.000 test diagnósticos do COVID-19

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, actualizou os datos de material entregado polo Ministerio de Sanidade á Xunta de Galicia desde o inicio do estado de Alarma. Nestas semanas, púxose ao dispor da sanidade pública de Galicia 3.753.528 unidades de equipamento sanitario.

Javier Losada explicou que entre este material inclúense 219.748 probas diagnósticas do COVID-19. Deste total, 205.484 son kit de diagnóstico rápido e 14.264 son as denominadas PCR. Ademais, engádense a estas probas 6.000 kits de extracción.

Estes test rápidos forman parte da compra de 5 millóns de unidades adquiridas polo Ministerio de Sanidade, cuxa entrega se completará nos próximos días. Nesta repartición tamén están incluídas partidas procedentes de doazóns. O delegado do Goberno lembra que aínda que a PCR é a técnica diagnóstica de referencia, estes test rápidos de detección de anticorpos serven de complemento ás mesmas.

Equipos de protección

Javier Losada apuntou que os envíos de material inscríbense na estratexia seguida desde o inicio da crise sanitaria de reforzar o Sistema Nacional de Saúde e apoiar á sanidade galega na batalla contra os efectos do virus. Por iso, os equipos de protección seguen sendo o concepto máis numeroso. Así, o Ministerio de Sanidade puxo ao dispor da Xunta 2.283.777 máscaras; 1.168.107 luvas; 19.102 buzos, 9.538 solucións hidroalcohólicas, 9.286 batas, 6.942 lentes de protección e 30.741 unidades doutro material como calzas, mandís, cubremangas ou gorros. Por último, o Goberno enviou tamén 149 dispositivos de ventilación mecánica non invasiva e 88 dispositivos de ventilación mecánica invasiva.

Segunda campaña de entrega de máscaras á poboación

Ademais das entregas á Xunta, Javier Losada lembrou que o Goberno Central está a desenvolver desde o pasado luns a segunda campaña de entrega de máscaras a cidadáns, entidades sociais e concellos. Nesta semana, as Subdelegacións do Goberno están a proceder á entrega de 835.500 máscaras, que se unen ás 602.000 que se repartiron tras a Semana Santa en toda a comunidade.