Sin categoría

Damián e Óscar Alonso e Nuria Domínguez e Mª Cristina González gañan a Regata de Gamelas de Baiona

As augas de Baiona acolleron este venres a tradicional Regata de Gamelas “Gran Premio Eurored Vigo 2019”, organizada un ano máis polas Concellerías de Deportes e Actividades Marítimas con motivo das festas patronais da Anunciada. Nesta edición, toda a regata volveuse centralizar nun único día, coa celebración das quendas clasificatorias e as finais feminina e masculina. Despois da entrega de premios, os participantes puideron gozar dunha festa fin de regata con paella, cervexa e música.

Participaron un total de 19 parellas, 14 masculinas e 5 femininas, chegadas de Vigo, Nigrán, Baiona, A Guarda, Vilanova de Gaia, Tui, Moaña, Noia ou Redondela. Ao haber inscritas cinco parellas femininas, todas elas clasificáronse directamente para a final, mentres que as parellas masculinas tiveron que disputar as quendas clasificatorias, pasando as cinco que conseguiron os mellores tempos.

Na categoría masculina os gañadores foron os Damián Alonso e Óscar Alonso, da Guarda, que completaron as 0,400 millas con 6 longos e 5 xiros nun tempo de 10 minutos e 26 segundos. Os irmáns baioneses Antonio e Francisco Liébanas, que conseguiron a vitoria na anterior edición, cruzaron a liña de meta en segunda posición a tan só 1 segundo dos campións. David Luisquiños e David Lago, de Vigo, conseguiron o terceiro posto do podio cun tempo de 10 minutos e 48 segundos.

As tudenses Nuria Domínguez e María Cristina González foron as primeiras clasificadas na categoría feminina, ao completar as 0,250 millas de percorrido, con 4 longos e 3 xiros, en 7 minutos e 30 segundos. O segundo posto foi para Iria e Lara Álvarez, tamén de Tui, que cruzaron a liña de meta tras 8 minutos e 20 segundos. María Mercedes Costas e Sofía Rodríguez, de Redondela e Tui, pecharon o podio en terceira posición cun tempo de 8 minutos e 37 segundos.

Os tres primeiros clasificados, tanto na categoría masculina como feminina, recibiron ademais de trofeo un premio en metálico, de 300 euros para os gañadores, de 200 euros para os segundos e de 100 para os terceiros. Tamén houbo agasallos para todos os participantes.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.