Todos os martes do mes de agosto, os fans dos tacos mexicanos poderán degustar as “gringas” do Chac Mool, pero cun fin solidario. O proxecto chamado “Martes de Gringa Solidaria” é unha actividade altruísta que desenvolve Chac Mool Taquería Mexicana para apoiar os diferentes proxectos de Zihuame Mochilla A.C., unha asociación mexicana que traballa para diminuír os índices de marxinación e pobreza das mulleres e as poboacións indíxenas no seu país. Por cada gringa vendida durante os martes de agosto, destinarase o 50%, para facer un donativo a fin de mes, co monto total.
O restaurante, que habitualmente pecha os martes por descanso do persoal, puxo en marcha esta iniciativa, que se realizará aproveitando que o local pecha ese día. Na terraza, instalarase o carriño de tacos, co que fan servizo de cátering, para recadar e “dar a coñecer a importante actividade que entidades como Zihuame Mochilla fan no noso país, en beneficio dunha poboación marxinada e discriminada, como son os indíxenas”, explica Alain Gutiérrez, un dos impulsores desta actividade.
En horario de 19:00 a 23:00 horas, os catro martes do mes de agosto, os veciños e veraneantes da Praia de Patos, en Nigrán, poderán colaborar con este proxecto, ao mesmo tempo que degustan o que xa se converteu nun dos pratos favoritos dos asiduos á taquería.
Que é a gringa?
É un dos tacos “estrela” en Chac Mool Taquería Mexicana e está feita cunha tortilla de trigo, queixo tostado á prancha e carne ao pastor, un tipo de carne de porco, adobada ao estilo tradicional mexicano.
Zihuame Mochilla
É unha asociación civil que busca mellorar as condicións de vida para abater índices de discriminación, marxinación e pobreza das mulleres indíxenas, así como o rescate e preservación das manifestacións culturais das súas comunidades. Realizan un labor social moi importante, xa que -segundo a Enquisa Nacional de Discriminación 2017-, en México 4 de cada 10 indíxenas sufriu insultos ou burlas polo simple feito de ser indíxena; 5 de cada 10 considera que os seus dereitos respéctanse pouco ou nada e a 4 de cada 10 negáronlle información sobre algún trámite, servizo ou programa de goberno.

