Ricardo Grobas expón fotografías do mar de Galicia na galería Sargadelos de Baiona

PUNTA ROBALEIRA

O fotógrafo Ricardo Grobas expón na galería Sargadelos de Baiona unha selección de imaxes de temática mariña titulada “Ondas do mar de Galicia. Faros e paisaxes costeiras”.

A mostra, que permanecerá aberta ao público entre os días 2 e 18 de agosto, consta de 10 fotografías de gran formato realizadas nos últimos anos por toda a costa galega e que formaron parte da macroexposición que, baixo o mesmo título, exhibiu no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, a comezos deste ano.

Aínda que incorpora imaxes de diferentes lugares da costa galega, a selección das fotografías que se expón agora en Baiona céntrase nas paisaxes das Rías Baixas, con imaxes aéreas espectaculares, como a desembocadura do río Miño, na Guarda, ou de gran plasticidade, como as dedicadas aos faros de Cabo Silleiro e aos das illas Cíes, Ons e Sálvora.

Ricardo Grobas, xefe de Fotografía do diario Faro de Vigo, vén de publicar o seu último libro, Faros de Galicia (Belagua, xullo 2019) e de gañar, ademais, o Premio de Fotografía Autopista do Atlántico 2019. Amante da navegación a vela e do submarinismo, Grobas ocupa o seu tempo libre fotografando as paisaxes de Galicia e, en especial, as da costa.

“Non hai quietude nas paisaxes mariñas, e isto estimula a creatividade deste fotógrafo” –pódese ler no catálogo da exposición–. “As imaxes de Ricardo Grobas gardan a súa paciencia infinita en busca do instante preciso, da perspectiva idónea que realza o obxecto fotografado. É así como a súa cámara nos achega con fidelidade as impoñentes paisaxes da costa galega”.

Socio fundador da editorial Belagua, Ricardo Grobas publicou os libros La ría de Vigo y su puerto (2009), Illas Atlánticas de Galicia (Belagua, 2013), Galicia, todo un mundo (Belagua, 2015), e Illas Cíes (Belagua, 2016).

Anuncios