Nigrán aposta por unha liña circular de autobús no seu primeiro plan de mobilidade sostible

O Concello de Nigrán vén de contratar o seu primeiro plan de mobilidade sostible para o municipio a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra de 18.150 €. O traballo, encargado a Soltec Ingenieros S.L e que estará listo tras o verán, busca un planeamento coherente e factible que permita facer un plan director que non só establecerá as bases para futuras actuacións concretas, senón que abrirá as portas para poder optar a subvencións e axudas da Unión Europea no eido do transporte sostible (é requirimento imprescindible contar con este plan).

Seguindo a política establecida polo goberno local nestes anos, establécese como prioridade ao peón, seguido do ciclista, o transporte público e, finalmente, o vehículo privado. Actualmente, tras manter a semana pasada o goberno local e os redactores do plan encontros coas diferentes entidades veciñais para coñecer as súas demandas e suxestións, na web municipal (www.nigran.es/mobilidade) figura unha enquisa dirixida a toda a poboación do municipio para coñecer máis polo miúdo as carencias e necesidades das persoas. Nunha primeira aproximación o plan director centrarase nestas posibilidades: unha liña de autobús circular, unha mellora de aparcamentos nos principais núcleos urbanos, creación dun carril-bici Panxón-Ramallosa e, finalmente, reforzar as infraestruturas para coches eléctricos.

“Se conseguimos levar a cabo estas catro cuestións, con ou sen axudas europeas, serían un éxito para o municipio, especialmente a liña circular de autobús urbano, que mudaría a vida de moitas persoas do interior”, explica o alcalde, Juan González. Así, o obxectivo sería unir mediante un autobús as parroquias do interior cos principais servizos do centro urbano (liñas de autobús interurbano, centros médicos ou Casa do Concello, fundamentalmente). “Apostamos por esta iniciativa, o plan establecerá cal sería o traxecto máis axeitado, a frecuencia da mesma ou as paradas imprescindibles”, explica González.

Outra cuestión que está a analizar o plan é a posibilidade de mellorar os aparcamentos existentes, especialmente en zona urbana, onde se detectan carencias que son importantes liquidar (centro de Nigrán, Ramallosa ou Panxón). Ademais, estudará a implantación dun carril-bici Panxón-A Ramallosa coas características básicas en medidas de seguridade deste tipo de infraestrututas (obviamente, sen ocupar beiravías e sen desprazar nunca ao camiñante nin prexudicar a ninguén). Finalmente, e dentro do plan do Concello para fomentar o uso de vehículos non contaminantes, o plan aposta por implementar as infraestruturas destinadas aos vehículos eléctricos establecendo, entre outros aspectos, máis electroliñeiras (o propio Concello conta con unha de uso público e gratuíto dende hai un ano).

“O plan é fundamental para establecer as directrices que debemos seguir e abre as portas para optar a moitas axudas europeas no eido do transporte sostible”, resume o alcalde.