Paseo fluvial e toque de campás en Parada

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Igrexa de Parada.

Á beira do muíño de Porto do Molle sairá a vindeira xeira do IEM, este mércores 31 de xullo ás 18:30 horas baixo a guía do historiador Anxo Rodríguez Lemos e o botánico Xosé Ramón García. Organizada coa colaboración do Concello de Nigrán baixo o título “Paseo fluvial e toque de campás en Parada”, terá unha unha duración aproximada de 3 horas e estará acompañada de dúas intérpretes en lingua de signos.

Case que ao fondo do actual polígono industrial de Porto do Molle arrecende aínda a millo recén moído en muíño comesto polo mato. As mans enfariñadas do Xirín do Lodeiro prenden en nós o recordo da vida existente no río do Barxío, da trafega de abrir e pechar a Alberca do Pombal, A Alberca do Rabo ou a da Ponte da Barxa. Corren os fuxidos agochados entre as medas nos Cruxoles, sube a Santa Compaña pola Costa do Pipa mentres o Demo Burlón emprende o seu andar polo camiño do Solgo.

Ao lonxe coroa a campiña de Parada de Miñor a Casa Grande do cabaleiro Suero Yáñez de Romay. Adiantado maior de Galicia polo rei don Pedro, O Cruel, don Suero ostentaba na súa Casa do Cruceiro as armas dos Araúxo e Valverde xunto ao privilexio de perdón obtido botando man de cadeas penduradas, segundo algúns no pazo, para outros, na igrexa románica do Señor Santiago. Alí, no alto da súa espadana, repican as campás e non se sabe por quen nin porqué? Síntelas? Non podes perder a ocasión de achegarte á nosa natureza, historia e tradición dun xeito diferente.

Anuncios