Baiona recibe ás súas campioas Andrea Pais e Iria Ludeña

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e a concelleira de Deportes, Miriam Costas, recibiron este martes ás novas deportistas Andrea Pais e Iria Ludeña, promesas do atletismo e o piragüismo respectivamente.

Andrea Pais ten 19 anos. Lembra que empezou no atletismo por casualidade. Todos os anos corría na Carreira Pedestre Popular “Andar e Correr” de Baiona e tendo 11 anos fichouna a Sociedade Atlética Val Miñor. “Empecei para probar e a verdade que me gustou moito, sentinme moi cómoda correndo co grupo e seguín ata que atopei o que me gustaba realmente, que era a velocidade”, sinala.

Ao ano seguinte xa se proclamou campioa galega. No 2015, catro anos despois, pasaría a formar parte da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, coa que participou no Campionato de España. Na actualidade é unha das integrantes do Atletismo Feminino Celta. “Este ano estiven lesionada e non tiven uns resultados moi bos, pero en xeral sempre estiven en podio galego e nas finais nacionais”.

A pesar de todo, nos últimos meses conseguiu a medalla de bronce en Relevo 4×100 no Campionato Galego Absoluto en Pista ao Aire e gañou a XV Copa de Galicia en Pista Cuberta. “Gustaríame chegar outra vez a estar nun podio nacional, nunha final dun Campionato de España Absoluto, e xa quen sabe, chegar a unhas Olimpíadas”.

Iria Ludeña ten 13 anos e empezou a practicar piragüismo fai cinco, animada pola súa curmá, Laura Feijoo, campioa de Galicia e de España e agora mesmo camiño do Mundial. Milita no Kaiak Tudense, polo que ten que sacrificar días entre semana para ir adestrar a Tui. Referíndose ao futuro, destaca que “nunca se sabe”, aínda que a súa intención é a de continuar competindo, “todo o mundo creo que soña con ir a unhas Olimpíadas, pero agora teño que compaxinalo cos estudos e máis adiante terei que facelo co traballo, e iso é máis complicado”.

Este ano proclamouse subcampioa galega de inverno infantil, subcampioa galega en embarcacións de equipo K-2 xunto coa súa compañeira de club Uxía Rodríguez Huertas, subcampioa galega de novas promesas e subcampioa galega de pista xunto coa súa compañeira Irea Alonso. Tamén conseguiu unha medalla de bronce no Campionato Galego Novas Promesas xunto coa súa compañeira Uxía Rodríguez Huertas.

IMG_6021B

Anuncios