
O goberno de Nigrán aprobou no pleno ordinario de hoxe unha modificación de crédito de 313.448 € para pagar 353 facturas de 2018 e 2019, todas elas conformadas por técnicos municipais e correspondentes a traballos correctamente realizados. Entre elas, a máis cuantiosa corresponde aos 94.000 € da subvención denegada pola Xunta para mellorar o acceso ao Parque Empresarial Porto do Molle (rúas Gándara e Ponte Muíña) ao non concedérselle ao Concello unha ampliación do prazo de finalización, cuestión que está sendo reclamada nos xulgados ao non entender o goberno local que non se aceptaran os informes nos que se incidía en que as choivas persistentes impedían o pintado da estrada. A seguinte factura é de 28.000 € correspondentes a materiais de obra, 21.000 € para a realización de actividades turísticas, 24.000 de conservación de maquinaria, 12.000 € para actividades deportivas ou 2.000 € para emerxencia social. “Hai que ter en conta que temos un orzamento prorrogado, son traballos realizados por empresas, a maioría urxentes, e loxicamente teñen que ser abonados”, explica o alcalde, Juan González, que recalca que o Concello ten débeda 0 con entidades financeiras e, a partir de agora, tamén con provedores.
Finalmente, aprobouse por unanimidade o establecemento e fixación dos prezos públicos das escolas deportivas e actividades culturais municipais para o curso 2019/2020 sen incremento algún con respecto ao anterior período.