O Open de Tenis Concello de Gondomar arranca este luns con record de participantes

A XIV edición do Open de Tenis Concello de Gondomar reunirá entre o 29 de xullo e o 4 de agosto nas pistas municipais a xogadores de diversas categorías procedentes de distintos puntos de Galicia. Juan Freitas, adestrador do Club de Tenis de Gondomar, mostrou a súa satisfacción pola resposta rexistrada este ano “porque é unha proba de que esta cita deportiva está a consolidarse e que cada vez son máis os que queren participar en ela”. Proba diso, afirma, é que este ano se superaron as expectativas con 160 inscritos en total.

O torneo arrancará o luns día 29 ás 9:00 da mañá e os partidos desenvolveranse ao longo de todo o día, ata as 22:00 horas, tanto nas pistas municipais de As Cercas como no Pavillón de Gondomar. Como en ocasións anteriores, terán cabida xogadores de todas as idades, cun amplo abanico de categorías a disputar que van desde a infantil masculina e feminina, ata os veteranos +35, pasando polas categorías sub 12 e sub 14; cadetes; absoluto masculino e feminino; dobres masculinos e dobres mixtos, e cabaleiros.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, clausurará o torneo e participará na entrega de trofeos o vindeiro domingo 4 de agosto, xornada na que se xogarán as finais.