Nigrán instala no río Muíños a primeira biobarda experimental contra a contaminación de Europa

O Concello de Nigrán conta dende esta semana no río Muíños (ao seu paso por Porto do Molle) coa primeira biobarda contra a contaminación de Europa, fabricada pola Asociación do Monte Galego de xeito experimental e co obxectivo de colleitar os residuos flotantes, entre os que destacan os plásticos. Esta barreira, construída artesanalmente con grandes botellas de plástico reutilizadas, rede e cordas, xurdiu en Guatemala no 2017 co obxectivo de reducir a cantidade de desperdicios que chegaban a Honduras polas canles dos ríos, confirmándose unha retención do 95%. Agora dá o seu primeiro salto a Europa en Nigrán, onde precisamente ten a sede a Asociación do Monte Galego, xurdida na parroquia de Camos tras os incendios de 2017.

A iniciativa presentada por esta entidade foi acollida con entusiasmo dende o o goberno local, xa que precisamente na súa loita por evitar que se contaminen os océanos, este verán instalaron recolle-cabichas artesanais nos areais e se levou a cabo con gran éxito a primeira campaña municipal de concienciación #SanXoanSenLixo. “As nosas políticas teñen ao medioambiente como prioridade, así que estamos moi orgullosos de que Nigrán sexa a porta de entrada a Europa das biobardas, unha trampa de escasísimo custe económico e cunha eficacia contrastada”, sinala o alcalde, Juan González, quen precisamente é responsable da primeira concellería de Galicia “Axenda 2030-Obxectivos do Desenvolvemento Sostible”, axenda da ONU que inclúe moitas medidas medioambientais que Nigrán quere reforzar dende a política local.

O obxectivo da Asociación do Monte Galego é que tras instalar esta primeira biobarda artesanal de xeito experimental (para a que obtiveron os pertinentes permisos de Augas de Galicia) poidan presentar o seu funcionamento e resultados á Xunta de Galicia e á Confederación Hidrográfica para que se estenda o seu uso.

“O río Muíños non ten moitos residuos flotantes porque non se atopa inmerso nunha zona urbana ou de industria contaminante, polo que somos conscientes de que non se vai a recoller gran cantidade de desperdicios, pero servirá para gravar un vídeo e poder explicar mellor como funciona”, comenta César Pérez, presidente da Asociación do Monte Galego, quen durante os vindeiros 2 meses irá recollendo periodicamente os materias freados pola biobarda para completar o estudo.