
A liña de insurxencia adoptada por Nigrán ao facer pública a súa renuncia ás bandeiras azuis non termina aquí, e o Director Xeral de Saúde Pública da Xunta, Andrés Paz Ares, confirmou que o municipio actualmente atópase fóra da Rede de Praias sen Fume. A pesar de que a decisión adoptada polo Concello non se fixo pública, Ares explicou que o abandono da iniciativa promovida pola Administración autonómica produciuse en firme xa no mes de marzo, “cando nos poñemos en contacto cos diferentes concellos para preguntarlles se queren continuar ou modificar o número de areais asociados”. O responsable da súa xestión explicou que moitas veces as renuncias prodúcense por meros descoidos á hora de dar resposta aínda que aquí si que obtiveron unha contestación, “neste caso negativa”.
Ata o momento esta localidade miñorana contaba con tan só dous areais subscritos, o da Madorra e As Canas, e na actualidade os carteis informativos de “Praias sen Fume” continúan a pé de praia aínda que estes foron instalados en tempadas anteriores. O feito de que Nigrán contase cun número tan reducido de puntos libres de tabaco ten unha explicación, e é que fontes municipais explicaron que se inclinan máis pola concienciación que polas meras prohibicións, sobre todo “tras os resultados tan positivos obtidos coa iniciativa SanXoanSenLixo”, posta en práctica por primeira vez a noite do 23 de xuño. Así pois o rexedor Juan González e o seu equipo de goberno optou por iniciar un novo proxecto paralelo ao da Xunta en colaboración co Centro Juan María, que non foi outro que a construción duns recipientes para cabichas feitos con botellas de plástico e atados a un cartel de madeira no que reza a frase “área sen cabichas”. Na actualidade xa están instalados na totalidade das praias como Patos, Panxón, Praia América, Madorra e na cala de Area Fofa en Monteferro e en palabras do alcalde “todos os días acaban cheos ata os topes, co que estas cabichas non acaban na area e posteriormente no mar e ese é o noso principal obxectivo”.
Nesta liña González teno claro asegurando que “a xente fuma nas praias se quere e non van deixar de facelo polo simple feito de que exista un cartel que o prohiba”. Ata o momento mantiveron As Canas e Madorra na rede promovida pola Xunta de maneira simbólica, pero o alcalde confirmou que están a obter resultados moito máis positivos facilitando aos usuarios e bañistas un lugar onde depositar as cabichas que colocando carteis á entrada dos areais.