Gondomar será obxecto de estudo para as futuras xeracións de arquitectos

O goberno local de Gondomar colaborará coa Escola de Arquitectura de Galicia da Universidade da Coruña polo que preto de 120 alumnos desta institución académica desenvolverán a materia de proxectos, correspondente ao segundo ano de carreira, na localidade do Val Miñor. Os docentes encargados de impartir a materia desprazáronse ata o municipio para coñecer “in situ” os posibles proxectos sobre os que traballar e recoñeceron “querer traballar en Gondomar porque ten moitísimas posibilidades arquitectónicas e de desenvolvemento”.

Neste sentido explicaron ao rexedor Paco Ferreira o obxectivo da iniciativa que se podería desenvolver ao amparo dun convenio, e que pasaría polo feito de que os alumnos realicen os seus traballos centrados en dous ámbitos de actuación: no primeiro cuadrimestre, traballando sobre espazos naturais, e, nun segundo, centrando a actividade docente en núcleo urbano. Paco Ferreira mostrou “nosa total disposición a colaborar con proxectos que non só apostan polas novas xeracións, se non que van máis aló, por ser unha aposta clara a favor da formación e neste caso da recuperación da nosa contorna e a nosa historia”.

Neste sentido expuxéronse na reunión distintas ideas sobre as que poder traballar a partir do próximo curso cos alumnos que cursen a materia: o antigo cinema do municipio, a contorna dos muíños ou a zona verde do Pazo do Conde de Gondomar son algunhas das ideas que se expuxeron. “Queremos documentar o que fagamos, vimos investigar e podemos dicir que esa investigación é a calidade que impoñemos sempre no noso traballo”, afirmou Luis Muñoz, un dos docentes e coordinador da unidade de investigación “Paisaxe, Arquitectura e Cidade” (pARQc), que lembrou que o resultado dos estudos que se realicen durante o curso publicaranse, tal e como se fixo en concellos como o de Sada, co que xa se colaborou.

Non descartan por outra banda a posibilidade de impartir seminarios concretos sobre a figura do arquitecto Xosé Bar Boo, arquitecto municipal no Concello e referente do movemento moderno na arquitectura galega. A Cámara Agraria, a Praza de Abastos ou o antigo cinema son algúns dos exemplos do seu traballo.

Anuncios