Ao redor de 30 persoas participan na visita guiada polo Paseo Monte Boi

Turismo de Baiona, en colaboración co “Obradoiro de Emprego Valmiemprega III”, levou a cabo a primeira visita guiada ao redor do Paseo Monte Boi, onde participaron ao redor dunhas 30 persoas.

O itinerario comezou á beira da praia da Concheira cun percorrido enfocado na paisaxe e a historia, debido á importancia do seu enclave, aos pés da singular Fortaleza de Monterreal, e nunha contorna dunha formidable paisaxe litoral, que descobre o mar aberto e batido en contraposición coa baía de Baiona, máis calma e tranquila.

Ao longo da visita os asistentes, ademais de gozar das fermosas vistas, recibiron información sobre a historia de Monterreal, as súas batallas e o rico pasado histórico observando as súas torres: a do Príncipe, a Tenaza e a torre do Reloxo; as antigas portas como a dos Frades, a de Felipe IV e a Porta do Sol, así como outros elementos como o antigo pozo, o alxibe, as baterías, baluartes de defensa e o actual edificio do Parador de Baiona.

A interpretación da paisaxe virou ao redor das características da Baía de Baiona, as Illas Ronseis e a paisaxe de Monteferro, resaltando os deportes e actividades náuticas que se poden practicar.

O vindeiro luns 29 de xullo, ás 11:00 horas, se levará a cabo outro roteiro, guiado polo Obradoiro, centrado na fronte marítima de Baiona, resaltando o carácter mariñeiro da vila, que comezará no paseo Pinzón e finalizará no porto pesqueiro.

Ademais este sábado, 27 de xullo, terá lugar outra das visitas programadas polo Casco Histórico de Baiona. Os interesados deberán realizar a inscrición previa na Oficina de Turismo no teléfono: 986 687 067.