Xeira do IEM polo Camiño da Nosa Señora do Norte

O martes 30 de xullo terá lugar unha nova xeira dentro do programa das Xeiras de Verán do IEM 2019 coa colaboración do Concello de Gondomar titulada “Camiño da Nosa Señora do Norte. De Gondomar a Vilaza”, que será guiada por Antonio Soliño Troncoso.

Ao longo desta xeira, continuidade dos tramos percorridos o ano pasado, veranse e comentaranse unha vez máis retallos dun importante patrimonio histórico, etnográfico e artístico e volveranse a preocupar pola deriva paisaxística que está a enfilar a contorna por mor de especies arbóreas invasoras e outras razóns non vexetais. Tratarán arquitectura vernácula, tan ben imbricada no territorio e como tantas veces non moi ben atendida, volverán a comprobar a secular dependencia do campesiñado respecto da auga, visitarán un adro e campo de festas dos máis monumentais do Val no que outra vez queda patente a evidencia de ritos e costumes nacidos para aplacar medos e angustias emocionais da xente do rural, toparanse co único monumento civil do románico do municipio emprazado de xeito inmediato a un lugar mítico para a organización social do Val durante os séculos XVI, XVII e XVIII, citaranse con topónimos evocadores e case sempre reveladores, transitarán a un tempo dous dos camiños historicamente máis importantes do Val de Miñor, e por último toparanse unha e outra vez con restos históricos e construídos deixados pola fidalguía e a alta nobreza do Antigo Réxime.

Todo durante as tres horas que aproximadamente levará aos participantes percorrer os 2.200 metros do tramo de camiño que atravesa a parroquia de Mañufe para un percorrido total circular de 3.350 metros; un traxecto afectado de pouca dificultade. O punto de encontro e remate é a Estación de Autobuses, na vila. Prégase puntualidade. O percorrido será acompañado de intérprete de lingua de signos.