Nigrán acolle esta fin de semana senllos torneos de Futvoley e Voley Praia

Praia América acollerá esta fin de semana o Torneo de Futvoley Concello de Nigrán e o Torneo Concello de Nigrán de Voley Praia Amateur. O primeiro disputarase o sábado día 20 de xullo para a categoría sénior, mentres que o segundo será o domingo 21 para as categorías amateur masculino, feminino e mixto. Ambos os dous campionatos desenvolveranse á altura das Escolas Náuticas Municipais desde as 9:00 ata as 21:00 horas.

Os dous eventos, que contarán con parellas chegadas desde todos os puntos de Galicia e a veciña Portugal, foron presentados este venres nun acto que contou co alcalde de Nigrán, Juan González, o concelleiro de Deportes, Luis Sanromán, o ex xogador do Real Madrid, Liverpool ou Celta ente outros Antonio Núñez, e o responsable de “Verán Deportivo”, Antonio Saborido.

Moitas das parellas participantes no Campionato de Futvoley disputarán o Campionato de España desta modalidade na Praia de Samil de Vigo a próxima semana. O alcalde de Nigrán destacou a gran cantidade de actividades culturais e deportivas que se aglutinan en Nigrán durante practicamente todos os días da semana, aínda que en especial durante o venres, sábado e domingo.

“Para nós é unha satisfacción acoller un ano máis a instalacións de Verán Deportivo, neste caso este ano para que Praia América, que é unha praia incrible, non sei se a mellor do mundo, pero desde logo das mellores, albergue unha competición deste tipo. Especial atención para os participantes de Futvoley, que desde logo, o que queira ser campión de España dentro dunha semana en Vigo terá que pasar antes por Nigrán”.

Anuncios