Baiona elaborará un Protocolo de Emerxencias para abordar eventuais catástrofes

Hoxe celebrouse no Concello de Baiona a Xunta Local de Seguridade, na que participaron Mª Carmen Larriba García, Subdelegada do Goberno na provincia; Manuela Vilaboy Romero, Xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación de Goberno en Pontevedra; Jorge Luis María López, Asesor da Subdelegación; Carlos Gómez Prado, Alcalde de Baiona; Óscar Martínez Álvarez, Concelleiro de Seguridade; Pedro Alonso Fernández, Inspector-Xefe da Policía Local de Baiona; e Félix Díaz Juan, Tenente da Garda Civil de Baiona.

Na xunta celebrada na sala de comisións do Concello de Baiona, os asistentes conversaron sobre as circunstancias que en materia de seguridade concorren en Baiona. Realizouse unha análise e avaliación dos riscos en diversos ámbitos, desde seguridade cidadá a seguridade viaria, a fin de planificar as actuacións a curto e medio prazo, tendo moi en conta a excepcionalidade da época estival no municipio.

Valoráronse así mesmo os datos de criminalidade, destacando Baiona polo seu baixo índice porcentual con respecto aos concellos da súa contorna. Estas boas estatísticas son posibles grazas á implicación, estreito vínculo e cooperación entre a Policía Local, a Garda Civil e o Concello.

Outro dos temas tratados foi o sentar as bases para a elaboración dun Protocolo de Emerxencias para abordar eventuais catástrofes naturais e tecnolóxicas. No desenvolvemento deste, Carlos Gómez recalcou que non só basta con desenvolver unha estratexia e un protocolo de actuación, senón que tamén é importante e necesario adoptar medidas proactivas. Neste sentido, o Alcalde indicou que ademais dun plan estratéxico de actuación, deberase desenvolver en primeira instancia un plan de prevención a fin de minimizar os riscos.

Anuncios