A IGM reivindicará o fin da impunidade do franquismo na décima edición da homenaxe nacional

A illa de San Simón acollerá o vindeiro domingo, 21 de xullo, a xornada en homenaxe ás vítimas do terror franquista que cada ano, desde hai dez, organiza a Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) coincidindo co aniversario do golpe de estado fascista. A coordinadora dos colectivos memorialísticos galegos asumiu a organización en 2010, logo de que a chegada do PP á Xunta puxera fin ao acto institucional que o anterior goberno celebraba desde a proclamación de 2006 como Ano da Memoria.

Cincocentas persoas partirán na mañá do domingo do porto de San Adrián de Cobres (Vilaboa) para participar, ás doce do mediodía, nun acto reivindicativo que este ano terá como obxectivo esixir á xustiza o fin da impunidade. Os colectivos agrupados na IGM denuncian a permanencia dunha “xustiza ao revés” que ampara os Franco e a herdanza ideolóxica da ditadura mentres xulga a quen, como o investigador Carlos Babío, -que intervirá no acto central do domingo-, pretende por fin a máis de oito décadas de silencio e relato imposto.

Babío está a espera de xuízo tras ser denunciado polos Franco por aseverar nun programa televisivo, -en base á ampla documentación recollida tras anos de investigación no libro Un pazo, un caudillo, no espolio, que escribiu con Manuel Pérez Lourenzo-, que Meirás chegou a mans dos Franco por unha compra venta fraudulenta. Mentres, os Franco seguen a facer apoloxía da ditadura en Meirás e enriquecéndose cos negocios herdados do ditador.

Tamén tomarán a palabra un representante de CeAqua, que explicará a loita contra a impunidade que se leva a cabo a través da xustiza arxentina, así como unha representante da asociación cultural “O Galo” de Compostela, que fará lectura dun fragmento do histórico documento elaborado no seu día por un preso galego sometido a torturas, con consellos destinados a resistir os interrogatorios da policía franquista. Por último, o investigador Moncho Hermida falará sobre a necesidade de poñer nome aos verdugos na Galiza posterior ao golpe de Estado do 36.

A IGM quere que o acto deste ano sirva coma homenaxe a Darío Rivas, promotor da querela arxentina finado o pasado mes de abril, que participara no acto nacional de San Simón en 2015.

Roteiros de memoria e “Verbas no peirao”, actividades paralelas ao acto

Como o ano anterior, serán 500 as persoas que se trasladen á illa, pertencentes a colectivos da memoria de Vigo, Redondela, Teo, A Estrada, Silleda, Vilaboa, Moaña, Cangas, Bueu, Marín, Val Miñor, Pontevedra, Vilagarcía, O Barbanza, Compostela, Coruña e A Mariña. A chegada realizarase de xeito paulatino. Os primeiros barcos partirán de San Andrés de Cobres (Vilaboa) ás 9.00 horas e os últimos ás 11.00.

Os visitantes que cheguen á illa nos primeiros barcos poderán participar, antes do acto central, nun dos dous roteiro de memoria sobre a etapa en que San Simón foi campo de concentración franquista.

Logo do acto, celebrarase por segundo ano consecutivo a actividade “Verbas no peirao”, na que todas as persoas que o desexen poderán recitar poesía, ou prosa en prol da memoria da illa de San Simón, que foi entre 1936 e 1943 campo de concentración no que estiveron confinadas máis de 6.000 persoas nunhas condicións extremadamente duras de fame, frío, enfermidade, tortura e un terror que tiña como expresión máxima as sacas nocturnas.

Anuncios