Vincios celebra as festas de Santa Mariña

A parroquia gondomareña de Vincios celebra esta fin de semana as festas na honra de Santa Mariña.

O xoves 18 de xullo o programa comezará coa entrada no torreiro da Banda de Música de Guláns ás 10:30 da mañá, que ofrecerá un concerto despois da Misa Solemne na Capela na honra de Santa Mariña, seguida de procesión. A partir das 22:00 horas celebrarase unha gran churrascada no torreiro de festas coas charangas Vai de Baile e Va K Pinta.

O venres 19 a verbena correrá a cargo do trío La Noche e a orquestra Triunfo.

O sábado 20 celebrarase unha Misa Solemne na honra da Virxe do Carme na Igrexa Parroquial e procesión ata a Capela acompañada polo Grupo de Gaitas Aires de Santes e o Grupo de Baile Froles do Galiñeiro. Ás 17:00 horas terán lugar as “poxas” na honra de Santa Mariña coa actuación dos Mariachis. Ás 21:00 horas haberá unha tirada de lumes e pola noite, gran verbena co grupo América SL e a orquestra Gran Casino.

O domingo 21 a Agrupación Musical de Vincios fará a súa entrada no torreiro ás 10:00 da mañá. Ás 12:00 comezará a Misa Solemne seguida de procesión na honra de Santa Mariña acompañada pola mesma Banda de Música, que ofrecerá a continuación un concerto xunto co Coro Cantares do Brión. Pola noite, a verbena estará amenizada polo grupo Aramio e a orquestra Miramar.

O luns 22 ás 10:30 da mañá fará entrada no torreiro a Banda de Música de Redondela, que ofrecerá un concerto despois da Misa Solemne na honra dos defuntos da parroquia que se celebrará ás 12:00. Pola tarde, ás 17:00 horas, terán lugar as tradicionais cucañas, e pola noite, o grupo Assia e a orquestra Capitol serán os encargados de amenizar a verbena fin de festa.