Baiona non solicitará bandeiras azuis en 2020 se a Xunta non facilita a formación de socorristas

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // O areal de Ladeira é o que conta con máis reforzo de socorristas a pesar de non serlle outorgada a bandeira.

Baiona dá un paso máis aló tras a renuncia ao izado de bandeiras azuis e advirte á Xunta de que ou ben toma medidas para facilitar a formación de profesionais, ou se unirá a Nigrán rexeitado directamente os estandartes para a próxima tempada. Así o asegurou o alcalde da vila mariñeira, Carlos Gómez, a este diario na tarde de onte, onde aproveitou para confirmar que ata o momento a cifra dos seis socorristas anunciada a principios de verán para velar pola seguridade nos seus areais non obtivo variacións.

Aínda que é certo que o último proceso de contratación de efectivos convocado finaliza hoxe mércores 17, a súa renuncia aos cinco distintivos xa é en firme e en caso de obter máis persoal cualificado, este encargarase de reforzar aos que xa se atopan de servizo desde principios de mes. “Este ano devolvemos as cinco bandeiras e como a Administración non tome cartas no asunto para 2020 declararémonos en rebeldía xunto a Nigrán”, engadiu. Trátase dunha decisión canto menos contundente, aínda que desde o consistorio baionés téñeno claro e manteñen que para eles a súa prioridade é a seguridade nas praias, “máis que o feito de ter a bandeira ondeando dun mastro”. A decisión adoptada permítelles garantir unha cobertura mínima de seguridade nos seus areais e xa desde hai dúas semanas a Praia Ladeira, a única á que non lle concederon o distintivo pola baixa calidade das súas augas, conta con dous socorristas na area, mentres que os outros catro atópanse distribuídos entre Santa Marta, Ribeira, Barbeira e Concheira quedando tan só por cubrir a cala de Frades.

Gómez insistiu que en caso de lograr algunha nova contratación dotarían dun técnico a maiores en Ribeira antes que na única que queda vacante porque “o servizo aquí fai moita falta ao ser unha zona á que acoden multitude de familias”, aínda que admitiu que a obtención de máis profesionais de salvamento “é complicada” debido a que “a día 15 a lista continuaba deserta”.

A pesar de que a posibilidade de renuncia ás bandeiras para 2020 xa é un feito, o rexedor baionés explicou que a súa proposta inicial é instar á Xunta para que tome medidas que faciliten a formación de aspirantes, “por exemplo con subvencións económicas que fagan asumibles os 1.300 euros que custa o curso”. Farao a través da Mancomunidade mediante un escrito para que se poidan beneficiar o resto de municipios en caso de lograr un entendemento coa Administración, e que de non ser así Nigrán contará cun novo aliado.

Así pois, e polo menos por terceiro ano consecutivo, a crise de socorristas repítese aínda que a desta ocasión foi a máis severa de todas elas. Dos 30 salvavidas máis un coordinador solicitados para as praias de Nigrán e Baiona non lograron reunir tan sequera a metade, quedando un total de seis técnicos por municipio, dous menos que os obtidos en 2018.

Anuncios