Recital combativo de Barrientos sen premio final en Zamora

Empezou a xornada liderando a clasificación das Metas Volantes, ninguén sumou máis puntos que el na Montaña, estivo metido en todas as escapadas, pero Julián Barrientos non subiu este sábado ao podio final da Volta a Zamora. O arxentino do Vigo-Rías Baixas quedou sen premio tras ofrecer un recital de combatividade, de principio a fin, nesta rolda na que a estrutura presidida por José Luis Chamorro situou entre os dez primeiros da xeral aos seus dous xefes de filas: Carlos Cobos e Samuel Blanco.

Con catro Metas Volantes nos primeiros 40 quilómetros, Barrientos defendía un punto de vantaxe sobre Leángel Linárez (Kuota) no traxecto de 125 km entre Moraleja del Vino e a capital da provincia. A principal ameaza do arxentino demostrou as súas calidades de esprínter e o venezolano Linárez superou ao corredor do conxunto flúor nos tres primeiros pasos puntuables.

Descartado o primeiro obxectivo, Barrientos centrouse no segundo. Aínda que iniciou a etapa no quinto posto da Montaña, o pupilo de Iván Rodríguez filtrouse nunha fuga de trece unidades no km 82 e coroou en primeira posición os portos de 3ª categoría de Villacampo e Muelas. Para adxudicarse a camisola de mellor escalador bastáballe puntuar en segunda posición no alto de Almaraz, situado a 5 km da meta. Antes de chegar á cima atacou Jesús Arozamena (Froiz) e na pugna pola segunda praza Sergio Rodríguez (Extremadura) superou por un tubular ao arxentino. Igualado a puntos con Jordi López (Lizarte), ao ciclista do Vigo-Rías Baixas correspondeulle o segundo posto aplicando o criterio de desempate.

A vitoria parcial en Zamora decidiuse entre os escapados, aínda que Barrientos perdeu contacto cos seus compañeiros de aventura nos últimos metros e terminou décimo terceiro. O pelotón finalizou pisándolle os talóns e na zona alta da xeral non houbo cambios con Cobos concluíndo oitavo, a 2:05 de gañador Iván Moreno (Lizarte), e Blanco, noveno a 2:29. Barrientos (49º) e Jorge González (81º) completaron a actuación do Vigo-Rías Baixas nesta volta de cinco etapas.