A Garda Civil impartiu 446 charlas en centros de ensino da provincia de Pontevedra

A Garda Civil de Pontevedra impartiu 446 conferencias durante o curso escolar que acaba de finalizar, ás que asistiron 20.201 alumnos, 507 profesores e 644 nais e pais de alumnos de distintos centros educativos da provincia. O número de asistentes elévase a 21.352 nos tres trimestres do curso.

Estas conferencias enmárcanse dentro do “Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas” e teñen como obxectivo achegar os servizos públicos de seguridade á comunidade escolar para mellorar a confianza dos nenos e mozos nas Forzas e Corpos da Seguridade do Estado e poñer ao dispor da comunidade educativa a asistencia técnica necesaria para que poida previr e abordar calquera tipo de incidente que poida ameazar a convivencia nesta contorna.

Novas tecnoloxías e acoso escolar

Entre as charlas máis demandadas pola comunidade educativa atópanse as relativas ao uso das novas tecnoloxías e, en especial, o uso das redes sociais. Neste último aspecto, a Garda Civil transmite ao alumnado a necesidade de facer un uso responsable destas redes para evitar problemas, como o acoso escolar que se produce a través delas ou a difusión de imaxes privadas sen autorización. Do mesmo xeito que ocorreu no resto da comunidade autónoma, as novas tecnoloxías, con 144 charlas, o que supón algo máis do 30% do total, e o acoso escolar, con 96, foron as materias máis solicitadas.

Violencia de xénero. Consumo de drogas e alcol

Con estes obradoiros trátase de formar aos alumnos no respecto aos dereitos e liberdades fundamentais e nos valores de dignidade e igualdade entre homes e mulleres, así como conciencialos sobre os riscos asociados ao consumo de drogas e a necesidade de erradicar condutas violentas no ámbito escolar, buscando o desenvolvemento de condutas pro-activas ao rexeitamento e denuncia destes comportamentos e informarlles dos recursos que dispón a sociedade para axudarlles. Impartíronse 77 charlas de violencia de xénero e 49 sobre drogas e alcol.

Balance do curso escolar

Durante o pasado curso escolar impartíronse na provincia de Pontevedra charlas informativas na práctica totalidade dos centros de ensino situados nos municipios pertencentes á demarcación territorial da Garda Civil.

Ademais das charlas ou obradoiros informativos, este curso académico realizáronse un total de 25 actividades complementarias nos colexios que o solicitaron: 6 exhibicións, 4 xornadas de portas abertas, 12 visitas a centros e 3 exposicións.

Dentro do marco do Plan Director e ao longo deste curso realizáronse 4.361 vixilancias puntuais nos centros educativos da provincia adscritos á demarcación territorial da Garda Civil, para garantir a seguridade da contorna dos colexios e previr a venda e distribución de substancias estupefacientes.

Proxectos para o novo curso

Está previsto que as tarefas formativas que se veñen desenvolvendo desde a implantación do Plan Director, veranse incrementadas para o próximo curso con accións de sensibilización vinculadas coa adicción ao xogo en liña, dado que é un tema que cada vez preocupa máis á comunidade escolar.

­O acoso escolar segue sendo un dos problemas que máis incidencia ten nos centros de ensino. Por iso e co obxecto de reforzar o material didáctico que se vén utilizando nas charlas, a Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, en estreita colaboración co CPI do Toural de Vilaboa, puxo en marcha o proxecto de gravación dunha curtametraxe para a concienciación dun grave problema que nos afecta a todos: o bullying ou acoso escolar, que cada vez se fai máis presente nas aulas e non entende de idades sexo ou cultura.

A gravación, edición e produción deste importante contido audiovisual está a cargo da produtora La Sombra Studios e Besando al Sapo. Todo o equipo está moi implicado con esta iniciativa que pretende ser un complemento das charlas que vén impartindo o Plan Director da Garda Civil nos colexios.

Este curto, cuxa estrea está prevista para o próximo mes de setembro, acabarase de rodar en breve no propio colexio, entre outras localizacións da zona e conta coa colaboración dalgúns alumnos e profesores do centro, que están moi implicados coa causa.

Á súa vez, actores coñecidos como Xosé Antonio Touriñán, David Amor, Cristina Maró ou Pablo Puyol entre outras caras coñecidas, quixeron apoiar esta medida uníndose á rodaxe e facendo aparicións especiais.

Anuncios