O goberno de Gondomar terá cinco dedicacións exclusivas e unha parcial

Este mércores celebrouse o primeiro pleno da lexislatura en Gondomar, no que se tratou o réxime de dedicacións dos concelleiros do equipo de goberno. Haberá cinco dedicacións exclusivas, para o alcalde e catro concelleiros, e unha parcial. O salario anual de Paco Ferreira, que tamén asumirá Economía e Facenda e Persoal e Réxime Interior, pasará dos 38.949 euros aos 50.000 euros, 5.000 euros máis do que cobrarán os rexedores de Nigrán e Baiona. Ferreira defende a subida “logo de demostrar o que é dedicarse plenamente ao cargo”.

Nuria Lameiro, primeira tenente de alcalde e concelleira de Benestar Social, Igualdade, Sanidade, Xuventude e Deportes; Jose Manuel Chamorro, que levará as áreas de Vías e Obras, Servizos, Seguridade, Mobilidade e Transporte; Rocío Goberna, responsable de Turismo, Mercados, Formación, Emprego e Dinamización Económica; e Brais Misa, edil de Medio Ambiente, Transición Ecolóxica e Voluntariado, terán dedicación exclusiva cunha retribución de 32.000 euros ao ano divididos en 14 pagas.

Juan Rodríguez Bas, que se fará cargo dos departamentos de Cultura e Innovación, percibirá 16.000 euros ao ano, tamén en 14 pagas, con dedicación parcial e un 50% de xornada. Iria Lamas, concelleira de Urbanismo, Vivenda, Patrimonio e Contratación Pública, percibirá o seu salario da Deputación de Pontevedra tras ser elixida deputada provincial. Jose Luis Alonso, que asumirá as áreas de Parques, Xardíns e Espazos Públicos; e Araceli Salgueiro, responsable de Educación, non terán retribución, percibindo as correspondentes indemnizacións por asistencia a comisións e plenos.

Anuncios