O “Baiverán 2019” ofrecerá máis de 60 días de lecer con especial protagonismo para a cultura local

Baiona presentou este luns a programación cultural e de lecer “Baiverán 2019”, organizada pola Concellería de Cultura. Este ano a programación vén cargada de moitas novidades e cun formato refrescante, onde terá un protagonismo especial a cultura da Real Villa. Miriam Costas, que estivo acompañada polo alcalde, Carlos Gómez, e o presidente de Aceba, Marcos Comesaña, destacou que está dirixida a todos os públicos, convidando a “saboreala e gozala durante os meses de xullo, agosto e setembro”. Cinema, animación, teatro, festivais, concertos, circo, maxia, gastronomía, roteiros guiados, conferencias, e unha infinidade de actividades que buscan o entretemento de todas e todos.

Por segundo ano consecutivo, destaca a colaboración co IEM e as súas coñecidas Xeiras, tres saídas culturais e outras tres charlas interesantísimas guiadas todas elas por historiadores, arqueólogos e estudosos da materia, que pretenden achegar a nosa historia e cultura aos veciños e visitantes.

Destacan tamén os concertos cos que ano tras ano deleitan ao público as agrupacións culturais e musicais de Baiona. O Coro de Homes “Voces Baionesas”, a Banda de Música de Baiona, a Agrupación Musical de Belesar coa Banda e o Coro, a Coral de Baredo, a Coral Polifónica Baiona A Real, a Escola de Danza Vila de Baiona, o Grupo de Gaitas A Seneira, a Danza das Espadas, o grupo de música folk Abóbriga, Baiona Bay, Airiños da Lagoa de Baíña, escolas de danza como Galicia en Danza de Baiona, Giro’s de Baíña, Dando la Nota de Baredo, LDanzia de Gondomar ou Marcando Pasos de Nigrán.

Ademais de todo isto, poderase gozar no mes de xullo da sexta edición do Frades Sunset Festival, coas actuacións estelares de Albert Neve e Yasiris, DJ’s como Kovigz, Ángel Vakeiro, Vince Stone, Groove Amigos e Yaggo, xunto coas performances de Pablo Méndez, animación, zona chillout, foodtrucks e moito máis. “Esperamos sexa un novo éxito nun enclave único que poñemos en valor e potenciamos unha das praias con máis encanto do sur da provincia de Pontevedra e que conta cunha das postas de sol máis espectaculares de toda Galicia”.

Os pequenos da casa tamén teñen un espazo nesta programación con Patty Diphusa e o seu espectáculo “Superharte”, Sue Moreno con “4.0”, con acrobacias e destrezas circenses, maxia cos magos Teto e Cayetano Lledó, ademais de inchables e obradoiros infantís.

Este ano a programación contará cun novo formato, Baioteatro, onde haberá espectáculos familiares de teatro para todos os públicos, como “O Valo”, “Pequeno Retablo”, “Píscore”, “Seniors” con Marcos Orsi e Luis Iglesias, “Rojo”, “Con Fusión”, “Animar&Cía” e Cándido Pazó con “Candalices”.

No plano musical, apostan por outro novo formato denominado “Luns ao Son”, da man de Tonichi e Pacheco, con concertos nos que contarán cun artista convidado cada luns, nos Xardíns da Casa da Navegación. Poderemos gozar tamén do cantautor Urbano Cabrera, do cantor Tino Baz, da Verbena Galega con Carapaus e a Banda Xangai. Concertos de The Tetas Van, Rockin’ Gina and The Sentinels, Crónicas del Pop, The Mirror, Blues do País, La Patrulla, “Mesteño” de Diego Pacheco e Xardín Desordenado.

Mención especial para o concerto de clásico internacional de “Espazos Sonoros” da Xunta de Galicia, na Capela de Santa Liberata co grupo Cantaderas Música Medieval Tradicional.

Cada luns na Praza do Concello poderase gozar do “Cinema na Rúa”, coa proxección de películas ao aire libre que son todo un éxito para os máis pequenos da casa e para toda a familia.

Durante tres días poderase gozar no Parque da Palma de “Rilla na Rúa Baiona”, con foodtrucks, outlet pop-up market, animación infantil, obradoiros e diversión para todos os públicos.

Finalmente, presentáronse os artistas da Festa da Anunciada. O venres abrirá o programa o concerto de Morodo&Okoumé Lions, Ganjahr Family e Shotta. Ao día seguinte, teremos a Amistades Peligrosas e tras a gran tirada de fogos, a Dr. Queen co seu Bohemian Tour. O domingo a protagonista será a Orquestra Olympus.

A programación finalizará a última semana de agosto cuns días dedicados ás persoas con discapacidade. Programarase teatro para persoas con visión reducida, un festival solidario a favor da Fibrose Quística e proxectarase a película “Campeones” dedicada ás persoas con Síndrome de Down.

Como peche a esta programación haberá un festival de dous días na Praia da Barbeira, o Festival Barbeira no Camiño o sábado, e o Barbeira Season Fest o domingo.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, destacou que “quixemos poñer o noso selo desde o minuto uno”, encomiando o labor das dúas técnicas da Concellería de Cultura. Pola súa banda, Marcos Comesaña, agradeceu ao novo goberno a súa implicación nas propostas expostas desde a Asociación de Comerciantes, afirmando que o “Baiverán” é moi importante para a economía da vila.

PROGRAMACIÓN BAIVERÁN 2019

CARTEL FRADES SUNSET FESTIVAL 2019