Artai Costas e Leo Pena, do IES Primeiro de Marzo, gañadores do Desafío de Galiciencia

O proxecto “El Bicho Científico” de Artai Costas Fraguerio e Leo Pena Martínez, alumnos do IES Primeiro de Marzo de Baiona, resultou gañador do Desafío Atrévete coa Economía Circular, na categoría de Secundaria.

O desafío organízase dentro das actividades relativas á celebración da Galiciencia 2022, promovida por Parque Tecnolóxico de Galicia en colaboración coa Consellería de Economía, Empresa e Innovación e co patrocinio da FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología –Ministerio de Ciencia e Innovación).

Este ano a temática elixida para a celebración da Galiciencia é a Economía circular, polo que os diferentes retos están relacionados con estas materias na súa repercusión no planeta e a relación coa sostibilidade.

O desafío constou de dúas fases. A primeira, non presencial, con tres retos que se tiveron que remitir a través da web correspondente a cada un deles. A fase presencial, un reto final que tivo lugar este xoves durante a celebración de Galiciencia, e na que participaron os tres grupos mellor valorados de cada categoría na anterior fase.

Os grupos gañadores do reto final recibiron un diploma e un premio.