Sin categoría

Cobos reencóntrase na Loinaz Proba e pelexa pola vitoria

Nunha das probas históricas do calendario elite e sub23 Carlos Cobos recuperou o seu golpe de pedal. O corredor estremeño do Vigo-Rías Baixas estivo entre os dezasete elixidos que se disputaron a vitoria da 92ª Loinaz Proba nas rúas de Beasain. Ao esprint impúxose Unai Iribar (Laboral Kutxa) e o representante da estrutura presidida por José Luis Chamorro logrou a novena posición.

Cobos non puidera ofrecer a súa mellor versión durante o último mes, pero o corredor afincado en Salamanca presentouse na saída da Loinaz Proba coa confianza de ter ido recuperando as boas sensacións sobre a bicicleta. O perfil desta carreira guipuscoana puntuable para a clasificación da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) ía como anel ao dedo, con seis ascensións puntuables en 144 quilómetros de percorrido.

Catro desas subidas concentrábanse unha vez superado o km 100. Ata ese punto os protagonistas foron os compoñentes dunha fuga de dez unidades, que chegaron a manexar unha diferenza de 3 minutos. O alto de Liernia realizou a primeira gran criba na escapada e tamén no pelotón, que se botou encima dos de cabeza e acabaría coa súa aventura dentro dos últimos 25 km.

Quedaban por diante Mandubia e Olarrebia, dúas ascensións case encadeadas que deixaron o grupo dos máis fortes reducido a dezasete corredores. O último porto coroábase a 8 km da chegada. Cobos pasou en terceira posición por esa cima e o desenlace ao esprint resultou inevitable co corredor do Vigo-Rías Baixas asinando praza de Top-10 na clasificación absoluta e o terceiro posto entre os elites.

Volta Zamora

Cunha contrarreloxo por equipos de 22 km arranca este martes a 36ª edición da Volta a Zamora. Pensando na loita pola clasificación xeral o conxunto flúor contará con Cobos e Samuel Blanco. Julián Barrientos, Jorge González, Óscar Justo e Víctor Hernández completan a aliñación.

A etapa do venres, co alto de Lubián de 1ª categoría e final na subida a Las Hedradas, antóllase como a máis decisiva das cinco. O mércores e o sábado espéranse chegadas ao esprint, mentres que o xoves será a quenda da media montaña.