
O nadador ourensán, Marcos Vila Cid, cun tempo de 00:50:02, impúxose na IX edición da travesía a nado Costa Serena, que se celebrou hoxe en Praia América (Nigrán) con preto de 500 nadadores. Marcos Vila chegou a meta por diante do David Rodríguez Lago (00:50:22) e Roque Oca Pernas (00:53:01). Na categoría feminina, a vencedora no percorrido de 4.000 metros foi a nadadora Cristina García cun tempo de 00:58:38. En segunda posición chegou Inés Castaño García (00:59:48), completando o podio a súa irmá Carla Castaño García cun tempo de (00:59:49).
O percorrido de 4.000 metros, no que participaron máis de 200 nadadores, consistiu nun triángulo de 4 quilómetros con saída e chegada na canle central de embarcacións. Os nadadores bordearon a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,3 quilómetros de distancia, regresaron cara á costa polo lado sur da praia e percorreron o último quilómetro en paralelo ao areal.
Na proba de 2.700 metros, o vencedor na categoría masculina foi Xoel Rodríguez Abad (00:36:58), segundo foi David Moya Bracero (00:37:10) e, terceiro, Daniel Martín Gómez (00:40:19). Na categoría feminina impúxose Irene Ribadulla Mallo (00:44:23), por diante de Esther del Monte (00:44:29) e María Cotos Suárez (00:45:54).
No percorrido de 800 metros gañou Pablo Martín Novás (00:09:55), seguido de Ricardo Matías Santos (00:11:10) e David Daporta Méndez (00:11:11). Na categoría feminina, gañou Verónica Carrera (00:12:09) superando a Uxía Gómez Fernández (00:12:14) e Paula Eijo Gil (00:12:35). Esta proba disputouse en paralelo á costa e contou con preto de 100 participantes. A saída arrancou desde a canle principal de entrada e saída das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón.
Tamén se entregaron premios especiais ao Centro Juan María de Nigrán, ao nadador máis novo, Roig Martín Massó, e ao nadador máis veterano, Francisco Paniagua.
Preto de 500 nadadores de 7 comunidades autónomas (Galicia, Asturias, País Vasco, Castela-León, Madrid, Andalucía e Cataluña), Italia, Alemaña, Venezuela, Arxentina, Emiratos Árabes Unidos e unha importante representación de Portugal, con idades comprendidas entre os 5 e 71 anos, participaron este domingo na IX edición da Travesía a nado Costa Serena, en Nigrán. Esta travesía consolídase como a proba popular con maior participación de toda Galicia.
A travesía, organizada polo club deportivo Tumetapersonal, Atlantic Extrem Sports e o Concello de Nigrán, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Abanca, Marine Instruments, o concesionario Hyundai Hyupersa Vigo e o Centro Comercial da Ramallosa. Tamén colaboran a Secretaría Xeral para o Deporte, Powerade, Frutas Sol, Arena, Zoggs, Náutico de Panxón, Decathlon Vigo, Froiz, Wetsports Ladeira, Prado Surf, Valmiñor Ébano, Waira, Kailúa, Ángel Leirós Motos, Clubnatacion.com, Ciclos Boyer Vigo, Rosquillas Cristaleiro e La Pintora, entre outros.
Actividades paralelas
Entre as actividades paralelas que se celebraron destacou a participación do ximnasio Plaza Fitness de Nigrán, que estivo a animar ao público asistente en Praia América cunha master class de zumba a cargo de Ana Freire. Ademais, houbo un concerto ao finalizar a travesía nas instalacións deportivas Dunas de Gaifar a cargo do grupo vigués The Twinpims, sorteo de agasallos cedidos polas firmas patrocinadoras e colaboradoras e aperitivo para todos os participantes ao finalizar a proba.
Colaboración co Centro Juan María
A organización contou por segundo ano co apoio do Centro Juan María de Nigrán coa participación de alumnos e profesionais que colaboraron no avituallamento e a entrega de medallas aos nenos. O obxectivo é dar visibilidade ás persoas que teñen algún tipo de incapacidade intelectual e lograr a súa plena integración.
56 premios en total
Na probas de 800 e 2.700 metros, entregáronse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na proba de 4.000 metros tamén se deron premios aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina e ademais repartíronse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba raíña. Os nenos que participaron nos percorridos de 50 e 150 metros recibiron unha medalla. Así mesmo entregáronse trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.