Solicitan a inclusión dun carballo de Camos no Catálogo galego de árbores senlleiras

O Diario Oficial de Galicia publicou onte o anuncio polo que se inicia a información pública da solicitude para ampliar o Catálogo galego de árbores senlleiras coa incorporación de dous exemplares de carballo, un teixo e dúas formacións arbóreas. Un dos exemplares de carballo (Quercus robur L.) está localizado no lugar de Camos, no Concello de Nigrán, mentres que o outro está ubicado no lugar de Carreira (Limiñón), Abegondo. O exemplar de teixo (Taxus baccata L.) está en en Viladonelle, no Concello de Neda e en canto ás dúas formacións arbóreas, unha é a carballeira do Monte da Guía en Vigo e outra é unha formación arbórea multiespecífica, localizada en Meaño.

Deste xeito, ábrese a partir de hoxe un período de 20 días hábiles durante o cal os interesados poderán presentar a documentación, observacións ou alegacións que estimen oportunas con relación á catalogación destes elementos no Catálogo galego de árbores senlleiras. O obxectivo de promover a inclusión dun exemplar ou formación arbórea dentro do Catálogo galego de árbores senlleiras é garantir a súa protección e conservación, ao entender que pola súa propia singularidade, merecen ser preservados e inventariados.

O carballo de Camos

Trátase dun exemplar de carballo (Quercus robur L.), plantado na proximidade dunha vivenda de propiedade privada no lugar de Camos, en Nigrán. A árbore, cunha copa de 360 m2 de proxección, é equilibrada e proporcionada, e o exemplar presenta un bo estado de conservación. O exemplar presenta como dimensións principais: 16,5 m de altura total, e 4,0 m de perímetro normal.

O Catálogo galego de árbores senlleiras

O Catálogo galego de árbores senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección en atención ás características excepcionais que as fagan merecentes dunha protección especial.

Trátase dunha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións públicas, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza. De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este catálogo foi obxecto xa de diversas revisións.

Na actualidade, hai un total de 189 elementos (151 exemplares e 38 formacións arbóreas) pertencentes a 80 especies diferentes.