Solpor, Vive Nigrán, Nigranjazz e Rilla na Rúa, protagonistas do mes de xullo

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Vive Nigrán

O Concello de Nigrán abre este venres e sábado a súa programación especial de xullo con “Solpor Monteferro”, festival musical que xunto a Vive Nigrán (19 e 20) e Nigranjazz (26 e 27) son os grandes protagonistas do mes. Deste xeito, o goberno de Nigrán mantén un ano máis os seus eventos xa máis señeiros no eido musical e no mes de agosto repetirá tamén o Val Miñor Fest de cervexa artesá, ChandeFolk en Chandebrito, baixada de carros de bólas en Camos, o divertido “Flota como Poidas” no esteiro de A Foz ou RockinPatos en Patos. En total, preto dun cento de actividades para todos os públicos se irán sucedendo todo este mes de xullo e en agosto continuarán ao mesmo ritmo.

Este domingo arranca tamén cunha das grandes probas deportivas do municipio, a Travesía a Nado Costa Serena en Praia América con máis de 400 deportistas inscritos. Neste mesmo escenario terá lugar o clásico torneo de Rugby de Melgachos (27 de xullo), torneo de volei-praia (do 19 ao 21) ou a carreira pola praia Nigrán Area xa no 3 de agosto. Xa a pé de praia, nas instalacións deportivas de Gaifar, celebrarase tamén o 27 de xullo unha nova edición de Porto Scoot, evento que reúne aos mellores riders nacionais de scooter, deporte urbano moi arraigado entre a mocidade de Nigrán, e no mesmo punto será a batalla de gallos “Freestyle Masters” tamén o día 3 de agosto.

Como cada ano as principais praias de Nigrán, Patos e Praia América, serán o escenario de diferentes actividades deportivas para todos os públicos con ioga, zumba e hipopresivos, pilates ou latino, ademais de desenvolverse o “Xoga na praia” para pequenos o xoves pola tarde en Patos e o martes en Praia América.

A programación do Concello inclúe tamén concerto de violoncelistas do 17 ao 19 de xullo en diferentes escenarios do municipio, festival de habaneras e boleros no Auditorio o día 20, feira de antigüidades de Panxón o 25, actuación teatral na rúa Vista Ao Mar con “A Tropa do doutor Milagre” o 18, ou a primeira festa do peregrino o día 13 na Ramallosa. Ademais, o Concello colabora nas diferentes actividades que organizan as entidades do municipio, como a Semana Cultural de Parada (do 21 ao 25), a Sardiñada de Montelourido (21), Andaina de Camos (21)…

A programación de xullo remata un ano máis con San Fiz, patrón de Nigrán, xa que na véspera (31 de xullo) haberá novamente festa da escuma na Praza do Concello e verbena no torreiro do Ceán, continuando a programación no propio día festivo, 1 de agosto.

“Mantemos unha programación similar a cando comezamos hai catro anos consolidando festivais recentes como Solpor ou Vive Nigrán, con só 3 anos de antigüidade e con miles de seguidores, e apostando polos veteranos como Nigranjazz ou Flota como Poidas. Ademais ofrecemos actividades e eventos para todo tipo de público e de gustos”, sintentiza o rexedor, Juan González.

2019-07-03 - FACEBOOK_WHATSAPP_Cartel_Programacion_Destacada_Veran2019_1

Anuncios