O IEM inicia as súas Xeiras de Verán cun percorrido pola parroquia de Pinzás en Tomiño

FOTO: IEM // Xeira pola parroquia de Pinzás en Tomiño.

Este xoves 4 de xullo ás 18:30 horas terá lugar a primeira Xeira de Verán polo concello de Tomiño, “As pegadas na paisaxe. Ouro, toponimia, mámoas e garranos”, dentro do programa das Xeiras de Verán 2019 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada por Xosé Lois Vilar Pedreira e Xilberte Manso de la Torre. O punto de encontro será na Casa de Cultura de Pinzás.

É a primeira das máis de 12 xeiras que o IEM organiza este verán no Val de Miñor, Tomiño e Gargamala (Mondariz). Serán pola beira do mar e pola “alta montaña” da Serra da Groba, de día e de noite, a pé, por terra e a bordo dun barco polo mar de Baiona e Panxón. E unha xeira extra na freguesía de Gargamala, onde o IEM desenvolveu os traballos de prospección, limpeza, xeolocalización e rexistro fotogramétrico 3D da arte rupestre afectada polo lume do 4 e 5 de outubro de 2018. Comezaron os traballos en novembro de 2018 con medio cento de superficies catalogadas e hoxe achéganse a 180 petróglifos logo dunha prospección intensiva e a restauración de superficies en Campo Redondo e na Ladeira de Escornabois.

Esta primeira xeira de Pinzás en colaboración co Concello de Tomiño xirará ao redor do patrimonio natural e cultural desta parroquia coa que o IEM vai rematar neste 2019 a recollida da toponimia e a prospección arqueolóxica e etnográfica do territorio. Unha parte deste traballo conxunto coa Comunidade de Montes de Pinzás amosarano ao longo da visita que sairá da Casa de Montes cara As Presas de Cuveliñas, parando no lugar mortuorio da Casiña do Ouro, lembrando os topónimos da terra nomeada, ollando os marcos do concello e freguesía, as minas auríferas romanas e quizais a grea de garranos da Chan da Poza.

Como o ano pasado todas as visitas serán tamén interpretadas en lingua de signos.