Deportividade e solidariedade no V Torneo de San Xoán do Panxón Nigrán FS

Este domingo clausurouse o V Torneo de San Xoán organizado polo Panxón Nigrán FS coa colaboración do Concello de Nigrán. Nesta quinta edición, que se celebrou no Pavillón de Panxón desde o pasado xoves, conseguiron que estes catro días de competición fosen un exemplo de deportividade, cun comportamento exemplar tanto na pista como nas bancadas, e de solidariedade, cos case 1000 quilos de alimentos recollidos e os 3 caixóns de tapóns de plástico entregados.

A Campaña Solidaria que organiza o Club ten como obxectivo a recollida de alimentos non perecedoiros e produtos para a hixiene persoal e do fogar. Un ano máis, para esta iniciativa solidaria contaron coa colaboración das familias do club, os veciños do Concello de Nigrán, os socios, os colaboradores, os patrocinadores e os equipos que participan no torneo, que achegaron como inscrición alimentos e produtos de hixiene. E, aproveitando os días de torneo, tamén dispuxeron dun punto de recollida de tapóns de plástico da campaña “Recicla Tapóns Solidarios”, na que están a colaborar co Centro Juan María.

Desde a directiva do Club queren agradecer a clubs, xogadores, deportistas, familiares, amigos, asistentes, socios, colaboradores, patrocinadores e Concello este éxito deportivo e solidario.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.