A Garda Civil desarticula un grupo dedicado á explotación laboral de estranxeiros na Comarca do Deza

A Garda Civil desarticula unha organización que se dedicaba á trata de seres humanos na modalidade de explotación laboral. No marco da denominada operación PITANGUS, levada de maneira conxunta polo Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Lalín e o Grupo de Información da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra procedeuse ao rexistro dun inmoble na localidade de Lalín e á detención de 4 persoas de nacionalidade búlgara e á investigación de 3 persoas de nacionalidade española, acusados de explotar a traballadores estranxeiros coa promesa de regularizar a súa situación.

A investigación iniciouse o pasado mes de agosto de 2022, cando un cidadán búlgaro denunciou estes feitos. Na denuncia informaba que un empresario do Deza dedicábase á limpeza de granxas porcinas e avícolas, empregando a cidadáns estranxeiros que traballaban en situación irregular e en condicións laborais que vulneraban os seus dereitos. Como consecuencia disto, Policía Xudicial da Garda Civil de Lalín, xunto co Grupo de Información de Pontevedra e a Inspección de Traballo realizaron inspeccións en diferentes granxas de porcino e avícolas de Galicia, nas que localizaron a varios traballadores en situación irregular e sen contrato de traballo.

Tras as pescudas pertinentes, determínase que, tal como constaba xa na denuncia, moitos destes traballadores chegaran a Lalín a través do empresario mencionado, que lles atraía con suculentas ofertas laborais. Cando chegaban a Lalín, o empresario prometíalles que se traballaban para el facilitaríalles a documentación para legalizar a súa situación e daríalles de alta na Seguridade Social, para, unha vez traballando, lembráballes ás vítimas a súa condición de traballadores irregulares e o favor que lles facía proporcionándolles emprego. Realízase un rexistro durante a xornada do xoves no domicilio do que parece ser o principal xefe da trama, no que se localizan 50.000 euros en efectivo así como diversa documentación que avala a investigación.

As vítimas atopábanse en condicións laborables abusivas, tales como traballar máis de doce horas diarias de luns a domingo, non dispoñían de xornadas de descanso, nin vacacións, e tampouco tiñan un mínimo de condicións de saúde laboral, dado que non lles facilitaba ningún elemento de seguridade para o desenvolvemento dos seus traballos nin foran informados dos posibles riscos asociados ao posto de traballo, xa que utilizaban produtos desinfectantes moi corrosivos que lles provocaban, en ocasións, diversas lesións. A organización dispoñía varios pisos na localidade de Lalín, nos que asentaba aos traballadores para telos controlados en todo momento. As vítimas atópanse nunha situación de necesidade e vulnerabilidade económica e sen apenas coñecer o idioma.

Ante estes feitos, actívase o Protocolo de Protección de Vítimas de Explotación e infórmase aos prexudicados dos dereitos que lles asisten, entre os que se atopa a posibilidade de ser derivados a recursos asistenciais e de aloxamento dependentes das comunidades autónomas. Un dos detidos foi posto onte en liberdade en sede policial despois de tomarlle manifestación. Os outros tres, xunto coas dilixencias, pasaron na mañá deste venres ao dispor do Xulgado de Instrución número UN de Lalín. Non se descartan máis detencións.