Arranca o campamento urbano Gondoverán

A Concellería de Igualdade, a través do Centro de Información á Muller (CIM), puxo en marcha unha vez máis o campamento urbano Gondoverán, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra. O alcalde, Paco Ferreira, e a concelleira de Igualdade, Nuria Lameiro, visitaron este luns o campamento no seu día de inicio repartindo camisetas a todos os nenos e nenas. O Gondoverán é un campamento de lecer e tempo libre para fillas e fillos de familias traballadoras, ademais dunha Medida Municipal de Conciliación de Promoción Autonómica, validada como tal pola Secretaría Xeral de Igualdade no 2012.

Polo tanto o seu obxectivo é o de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante o mes de xullo en horario de 9:00 a 14:00 horas con posibilidade de 8:00 a 15:00 horas, ao tempo que se potencia o desenvolvemento integral da nena/o a través dunha programación que combina o xogo con actividades creativas, culturais e coñecemento da contorna próxima, dende unha pedagoxía do lecer baseada na educación en igualdade e hábitos saudables. Participan 100 rapaces e rapazas nados entre os anos 2006 e 2016 e cuxos proxenitores son persoas traballadoras en activo (por conta allea ou propia).