A Peña Moteros Val Miñor encargarase da organización técnica do Mundial de Trial de Gouveia

A cidade portuguesa de Gouveia, situada na Serra da Estrela, no Distrito da Guarda, Rexión Central, albergará por segundo ano consecutivo unha das grandes probas do Mundial de Trial, a quinta, destinada ás categorías Trial GP, Trial 2, Trial GP Women e Trial 2 Women.

Os días 13 e 14 de xullo, o Parque Senhora dos Verdes, un extraordinario marco natural montañoso, idóneo para o desenvolvemento deste tipo de probas, albergará aos mellores pilotos do mundo da especialidade, entre eles o galego Jorge Casales, que a organización, baixo a tutela de Talentos Objetivos, quixo premiar como cabeza de cartel e figura emblemática da súa promoción.

“Síntome moi agradecido, tanto á Federación Galega como á Portuguesa polo trato e o apoio que estou a recibir. Atópome moi motivado e con ganas de disputar esta proba do mundial, moi bonita polo enclave, xa que ten un pouco de todo: roca, río e terra”, comenta o piloto Casales.

A empresa portuguesa de grandes eventos tamén destinou a responsabilidade do desenvolvemento da proba internacional á Peña Moteros Val Miñor, contando coa súa probada experiencia tras organizar, de maneira continuada, competicións nacionais e internacionais, entre elas o Trial das Nacións.

“É un orgullo para a Peña Moteros Val Miñor, que despois de organizar o Trial das Nacións en 2017 en Baiona, o Organizador do GP de Gouveia e a Federación Portuguesa de Motociclismo confiasen en nós para a colaboración deste importante evento en 2018”, di Nano Ferro, subdirector do mundial de Gouveia.

“Nosa parte é o deseño e montaxe das zonas de competición e a achega e coordinación de xuíces, controis, etc… para iso, contamos coa axuda de clubs experimentados en Galicia como son Moto Club Trial Entrimo, Escudería Coruña, Motoclub Compostela e como non, os voluntarios de Peña Moteros Val Miñor”, termina explicando Ferro.

O Campionato do Mundo de Trial de Portugal será presentado, de maneira oficial, o próximo 3 de xullo en Lisboa.