Nigrán reunirá a preto de 400 nadadores na IX travesía a nado Costa Serena

A IX edición da travesía a nado Costa Serena-Nigrán reunirá a preto de 400 nadadores entre as cinco probas que se disputarán e consolídase como unha das travesías de longa distancia por excelencia de Galicia e con maior afluencia de nadadores. A travesía terá lugar o domingo 7 de xullo en Praia América e contará coa presenza de nadadores procedentes de 6 Comunidades Autónomas (Galicia, Madrid, Castela-León, Andalucía, País Vasco e Cataluña) e Portugal con idades comprendidas entre os 5 e os 71 anos.

Esta mañá presentouse en rolda de prensa a travesía no Concello de Nigrán e contou coa presenza do alcalde, Juan González; o concelleiro de Deportes e Educación, José Luis Sanromán; a concelleira de Cultura, Nuria Lorenzo; Guillermo Reinaldo, en representación da Secretaría Xeral para o Deporte; María Troncoso, en representación de Coca-Cola Iberian Partners; Juan Carlos Álvarez, subdirector da oficina de Abanca en Nigrán; o presidente do Centro Juan María de Nigrán, José Santoro, e Beatriz Alvariño, en representación da organización da travesía.

Durante a travesía disputaranse tres probas de 4.000, 2.700 e 800 metros. Os tres percorridos serán cronometrados por chip. O percorrido longo, no que se prevé unha participación de preto de 300 persoas, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.

O percorrido de 2.700 metros, que terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros, consistirá en ir ata a baliza de Cabezo de San Juan, bordeala e regresar ao momento de meta polo lado dereito.

Na proba de 800 metros, que se disputará en paralelo á costa, a saída estará situada tamén na canle principal e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros.

A competición de 4.000 metros comezará ás 11:30 horas, a de 2.700 metros ás 11:50 horas, mentres que a de 800 metros arrancará ás 12:00 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, así como embarcacións de Protección Civil, kaiaks e pádel surf seguindo a proba.

Ademais celebraranse dúas probas de curta distancia para nenos entre 5 e 13 anos. Haberá un percorrido de 50 metros (5 e 8 anos) e de 150 (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:30 horas (150 metros).

A travesía, organizada polo club deportivo Tumetapersonal, Atlantic Extrem Sports e o Concello de Nigrán, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Abanca, Marine Instruments, o concesionario Hyundai Hyupersa Vigo e o Centro Comercial da Ramallosa. Tamén colaboran a Secretaría Xeral para o Deporte, Powerade, Frutas Sol, Arena, Zoggs, Náutico de Panxón, Decathlon Vigo, Froiz, Wetsports Ladeira, Prado Surf, Valmiñor Ébano, Waira, Kailúa, Ángel Leirós Motos, Clubnatacion.com, Ciclos Boyer Vigo, Rosquillas Cristaleiro e La Pintora, entre outros.

Actividades paralelas

Entre as actividades paralelas previstas destaca a participación do ximnasio Plaza Fitness de Nigrán, que estará a animar ao público asistente en Praia América con master class de zumba. Ademais, haberá un concerto ao finalizar a travesía nas instalacións deportivas Dunas de Gaifar a cargo do grupo vigués The Twinpims, sorteo de agasallos cedidos polas firmas patrocinadoras e colaboradoras e aperitivo para todos os participantes ao finalizar a proba.

Colaboración co Centro Juan María

A organización contará por segundo ano co apoio do Centro Juan María de Nigrán coa participación de alumnos e profesionais que colaborarán no avituallamento e a entrega de medallas aos nenos. O obxectivo é dar visibilidade ás persoas que teñen algún tipo de incapacidade intelectual e lograr a súa plena integración na sociedade.

56 premios en total

Nas probas de 800 e 2.700 metros, entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na proba de 4.000 metros tamén se darán premios aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina e ademais repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba reina. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla. Así mesmo entregaranse trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade. Na entrega de premios tamén participarán a firma Zoggs, que entregará lentes aos gañadores, e a adega Adegas Valmiñor, do Rosal, que colaborará con 18 botellas de viño branco para os tres primeiros clasificados das tres probas (4.000, 2.700 e 800 metros).

Inscricións

A zona de concentración dos nadadores será nas instalacións deportivas Dunas Gaifar, en Panxón, o domingo día 7 a partir das 09:00 horas.

Aqueles interesados en participar na travesía poderán realizar as inscricións na páxina web de Champion Chip Norte (www.championchipnorte.com) ata o 2 de xullo ás 12:00 horas. Tamén se poderán inscribir, de forma presencial, na oficina de turismo de Dunas de Gaifar en Nigrán, na tenda Ciclos Boyer Vigo, onde obterán un 20% de desconto na compra de material de natación e Decathlon Vigo. Os nenos poderán inscribirse o día da proba entre as 09:00 e as 12:00 horas.

O prezo da inscrición da travesía de 4.000 metros é de 21 euros, 19 euros a de 2.700 metros e 17 euros a de 800 metros e inclúe: participación na travesía, camiseta conmemorativa, gorro, cronometraxe electrónica, avituallamento, seguro de responsabilidade civil, asistencia médica, trofeo para os tres primeiros clasificados de cada categoría das dúas probas e medallas aos tres primeiros clasificados na proba de 4.000 metros, un aperitivo, un xeado e participación no sorteo de material deportivo.

As probas dos nenos teñen un custo de 10 euros e inclúe: camiseta, gorro, lentes, avituallamento, asistencia médica, seguro de responsabilidade civil, medallas para todos os participantes, un aperitivo e un xeado.

Anuncios