Nigrán celebra o éxito da campaña #SanXoanSenLixo

O Concello de Nigrán celebra o éxito da súa primeira campaña municipal de concienciación ambiental #SanXoanSenLixo ao amencer Praia América-Lourido libre de desperdicios, unha imaxe sen precedentes nesta data. Así, das 20 toneladas aproximadas de lixo xerado, máis dun 90% foi depositado polos usuarios nos correspondentes contedores a pé de praia, enchéndose por completo as illas de reciclaxe dispostas por vez primeira nas entradas. Grazas a estar todo recollido previamente, os operarios de limpeza remataron o seu traballo en escasas dúas horas, estando a praia limpa por completo ás 9:00, un tempo record. O Concello de Nigrán manterá esta campaña sempre e a focalizará o vindeiro ano en que non se fagan grandes buratos no areal, petición que aínda que si se incluía no decálogo de boas prácticas lanzado polo Concello non era a protagonista de #SanXoanSenLixo.

“Estamos abraiados polo éxito que tivo a campaña para evitar que o lixo acabase no mar, quedou demostrado que foi un gran acerto e que a mocidade responde, polo que o vindeiro ano continuaremos con ela e a centraremos en que non se fagan grandes buratos, obxectivo aínda por cumprir”, recoñece o alcalde, Juan González, quen estivo cos 33 brigadistas medioambientais que dende as 23:00 á 1:00 horas recorreron a praia pedindo aos participantes na festa que depositasen o lixo nos contedores. “A brigada era recibida con aplausos e con absoluto respecto e educación por parte dos rapaces, que inmediatamente se comprometían a cumprir co reto dun #SanXoanSenLixo. Estamos moi agradecidos a todos estes voluntarios”, destaca González, quen recoñece que “as previsións de éxito foron superadas e os contedores se quedaron incluso curtos”. “Ao ser insuficientes, moitos depositaron o lixo en bolsas ao pé dos mesmos; o vindeiro ano os multiplicaremos e buscaremos algúns de gran capacidade”, incide.

Os case 800 metros lineais de mallas que blindaban as dunas contaban con lonas informativas da campaña cun breve decálogo que tamén recordaban os brigadistas: “Non deixes lixo. Recicla. Respecta a protección do sistema dunar. Evita facer buratos, teñen impacto negativo no ecosistema. Recorda que as cabichas tamén contaminan. Súmate a esta campaña medioambiental difundíndoa e concienciando aos teus”.

A noite transcorreu sen apenas incidencias destacadas: un único traslado ao hospital por un corte leve na cabeza e 20 intoxicacións etílicas.

Paralelamente, tamén por vez primeira, o Concello de Nigrán instalou un “Punto violeta” no paseo marítimo de Panxón de 9:00 a 2:00 co obxectivo de informar, sensibilizar e previr calquera tipo de comportamento sexista que puideran sufrir as mulleres durante a celebración da festa. Contou coas dúas técnicas do Centro de Información ás Mulleres do Concello de Nigrán e tres axentes de igualdade que se ocuparon da dinamización da mesma. Baixo o lema “Queres ? Nunca sen un si” está destinada á poboación moza e pretende previr as agresións sexuais en contornas lúdicas e sensibilizar en torno á violencia de xénero, así como prestar apoio en caso de agresións sexuais. Esta mesma campaña se repetirá noutros eventos señeiros do Concello.

Dende o punto de vista da atención sanitaria, a festa contou con dous hospitais de campaña en contacto directo co 061 que, como novidade, se situaron nas instalacións deportivas municipais de Gaifar e estiveron atendidos por un médico, catro técnicos sanitarios, 3 enfermeiros e 25 efectivos de protección civil (moitos deles titulados sanitarios). Ademais, contou cunha ambulancia básica e outra avanzada. Dende o punto de vista da seguridade o dispositivo estivo composto por todo o persoal da Policía Local con reforzos (26 efectivos en total); dous bombeiros do GES, unha ducia de axentes da policía autonómica que se dedicaron fundamentalmente ao control da venda e consumo de alcol de menores; 57 gardas civís (entre eles do Seprona) que se ocuparon especialmente de vixiar a protección do sistema dunar ou do control na venta de alimentos e, adicionalmente, por vez primeira houbo unha patrulleira de servizo marítimo no mar.

“Esta foi a primeira toma de contacto con dúas campañas que veñen para quedarse e que tiveron un éxito rotundo: a de celebrar un San Xoán máis sostible medioambientalmente e a de prevención da violencia de xénero nas festas”, resume o rexedor, Juan González.