A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Val Miñor chama a participar na concentración deste xoves en Vigo

As Plataformas en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo chaman á veciñanza a participar na concentración en defensa da Atención Primaria. A concentración, convocada para o vindeiro xoves día 24 de marzo, terá lugar ás 11:30 horas diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, na rúa Concepción Arenal.

Desde o conxunto das Plataformas das localidades do Baixo Miño, o Condado-Paradanta, o Morrazo, o Val Miñor e máis SOS Sanidade Pública-Vigo, manifestan que o nivel de deterioro da Sanidade Pública require respostas colectivas e conxuntas como ferramenta esencial para frear “a nefasta política sanitaria do PP á fronte do goberno da Xunta, para frear o desmantelamento da sanidade pública no seu conxunto e da atención primaria en particular”.

“As veciñas e veciños dos distintos concellos desta área sanitaria vimos repetindo, a través de numerosas e multitudinarias mobilizacións no territorio, que non imos permitir que liquiden a atención primaria, e estamos convencidos de que só coa mobilización social imos ser capaces de frear o deterioro da sanidade e, en consecuencia, ser capaces de mellorar, recuperar e incrementar os servizos e a calidade”, conclúen.