A Tarxeta Benvida da Consellería de Política Social conta cun novo establecemento que desde agora aplicará vantaxes ás familias que sexan beneficiaras deste programa de axudas para a crianza dunha filla ou fillo. Trátase da tenda Bumba situada no municipio de Nigrán da firma Souto & Guerra e especializada en produtos de puericultura.
A partir de agora este negocio aplicará descontos do 3% na adquisición de calquera dos seus produtos para bebés aos clientes que sexan usuarios da Tarxeta Benvida. Este desconto farase efectivo coa presentación no momento do pago da devandita tarxeta, que deberá estar en vigor.
Deste xeito, Bumba súmase a outras firmas que xa asinaron o acordo de adhesión como
Andrea Milano 1932 (Pontevedra), as tendas Mi Cielo (Ferrol), Mi Mueble BB (Boiro), Maberopepetit (Cangas), o Grupo Cuevas, Supermercados Eroski Center, Hipermercados Eroski e Supermercados Familia ou Perfumerías Avenida e tendas Neobel.
A este programa de extensión de beneficios da Tarxeta Benvida poden sumarse as oficinas ou establecementos asentados en Galicia e lle oferten ás familias titulares da tarxeta vantaxes ao presentala nos seus negocios. Estas poden ser de diversos tipos (descontos, obsequios, ofertas especiais,…) e son fixadas libremente por quen as ofrece e deben ser aplicadas, sen maior requisito, a toda a clientela que sexa titular dunha Tarxeta Benvida.
45.000 beneficiarios
A Xunta de Galicia leva investidos xa 50 millóns de euros na Tarxeta Benvida desde a súa implantación no ano 2016. Nestes máis de tres anos, concedéronse 45.000 tarxetas para axudar a afrontar os gastos que supón un nacemento para as familias galegas.
Esta axuda directa é de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do bebé para a compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berces e produtos de hixiene ou farmacéuticos. Ademais, desde o ano 2017, a axuda estendeuse ata o terceiro ano de vida da nena ou neno para aquelas familias cunha renda igual ou inferior aos 22.000 euros, por un importe de 600 euros para o primeiro fillo, 1.200 para o segundo e 2.400 para o terceiro.
Cada ano vaise mellorando a Tarxeta Benvida, e así en 2018 abriuse a posibilidade de que as galegas e galegos residentes no exterior que retornen a Galicia poidan optar á axuda. Por último, a partir deste 2019 pódese presentar xa a solicitude da Tarxeta Benvida desde o embarazo, sen ter que esperar ao nacemento do bebé.

