Un ano de cine no CEIP Souto-Donas

FOTO: IVÁN REFOJOS // Os escolares do CEIP Souto Doas asistiron ao primeiro pase que tivo lugar onte ás 10:30 horas.

O alumnado do CEIP Souto-Donas xa sabe o que sente ao verse proxectados na gran pantalla e é que onte celebraron con dous pases a estrea da súa curtametraxe “O Misterio do Pistacho” no auditorio municipal de Gondomar, Lois Tobío.

Unha peza audiovisual de 30 minutos de duración á que non lle falta detalle, cun atrezo do máis completo, banda sonora e guión propios creados pola xefa de estudos e profesora de música, Olga Álvarez González. A súa trama xira ao redor da misteriosa aparición de cascas de pistachos no areeiro do centro educativo, un feito verídico e que inspirou aos escolares como tema argumental, pero é que ademais tamén recolle o proceso de rodaxe coma se dun making off tratásese, os momentos previos á estrea e a súa repercusión mediática en prensa e televisión unha vez levada aos cine. Unha maneira de reflectir a totalidade do mundo cinematográfico e como afecta os actores, neste caso personificados nos case 185 nenos matriculados no colexio da parroquia gondomareña.

A iniciativa xurdiu grazas á proposta do pai dun dos alumnos, Iván Refojos, como proxecto anual xa que este centro ademais dos programas pertencentes ás diferentes materias, presentan un traballo colectivo baseado nunha temática determinada e que este ano se proxectou por primeira vez coincidindo co fin do curso lectivo. “Este curso dedicámolo ao cine, polo que as actividades como as realizadas en Nadal ou en Entroido xiraban ao redor deste mundo e cuxo resultado foi a peza de media hora presentada hoxe”, explicou Álvarez.

A pesar de que a iniciativa non dispuxo de grandes alardes técnicos serviu perfectamente para achegar este mundo aos escolares participantes cun resultado moi aceptable e para o que dedicaron máis de 100 horas de gravación, ademais do traballo de edición que correu por conta de Refojos. Un profesional do sector que se ofreceu de maneira desinteresada a dar forma a minutos interminables de tomas e secuencias. “A verdade que a montaxe da peza levámola a cabo durante unha semana seguida con xornadas de traballo que superaban as seis horas diarias”, explicou o voluntario. En canto á súa difusión unha vez presentada, a obra estará ao dispor de todos os que a desexen ver na web oficial do colexio, só aquí xa que desde o centro explicaron que prefiren mantela como “o produto de algo familiar” co que polo momento descartaron a súa publicación en redes sociais. Con todo tampouco refugan a idea de proxectar a súa creación a modo introdutorio en diferentes eventos relacionados co centro escolar.