Gondomar clausura o curso de operacións básicas de carnicería e charcutería

O Concello de Gondomar clausurou este mércores o curso de operacións básicas de carnicería e charcutería, organizado pola Concellería de Xuventude co obxectivo de formar aos mozos do municipio e abrir portas para a súa inserción laboral, xa que a industria alimentaria ten gran presenza na nosa contorna. No curso, que se desenvolveu na Casa da Cultura e na Praza de Abastos, participaron 15 persoas, que recibiron de mans do alcalde, Paco Ferreira, e a concelleira de Xuventude, Nuria Lameiro, o diploma que acredita a súa formación.

O curso constou de 50 horas de formación teórico-práctica e 8 horas máis de formación transversal dun módulo de orientación laboral a través dun obradoiro práctico onde se lles mostrou como deben adaptar o seu currículo aos postos do sector da industria alimentaria e outro de igualdade. Os participantes adquiriron coñecementos básicos para o despezamento vacún e porcino, a fabricación de produtos frescos e curados, coñecemento de produtos aditivos alimentarios, seguridade e hixiene.

Anuncios