Gondomar propón tres rutas de sendeirismo para desfrutar en familia

FOTO: PATRIMONIOGALEGO.NET // Ponte das Ánimas.

A Concellería de Xuventude do Concello de Gondomar, dirixida por Nuria Lameiro, propón para dar comezo ao mes de xullo unhas rutas de sendeirismo. O 3 de xullo levarase a cabo a “Ruta das Ánimas”, visitando a Ponte das Ánimas, antigo muíño e coñecendo a contorna da ribeira. O 4 de xullo, “Ruta do Río Miñor” en dirección a Mañufe, coñecerán a paisaxe da ribeira e a súa contorna; e o 5 de xullo “Tramo do Camiño da Nosa Señora do Norte”, variante do camiño portugués que vén de Vilanova de Cerveira. Este tramo chega ao Concello de Gondomar a través da parroquia de Couso, na capela dos Remedios, pasando polo Pazo do Conde de Gondomar.

O Obradoiro de Emprego Valiemprego III será o encargado de guiar estas rutas para dar a coñecer o patrimonio natural, arqueolóxico e etnográfico da Vila Condal. Esta actividade pode realizarse en familia, a partir dos 7 anos.

As rutas darán comezo ás 10:00 da mañá, o punto de encontro e recollida será no Parque da Coelleira. A recollida dos menores que veñan sen un adulto, a partir das 12:00 horas. Para participar nestas actividades hai que inscribirse presencialmente na OMIX do Concello de Gondomar ou chamar ao 986 369 746 ata completar aforo en cada unha de elas.