A reforma do Mercado de Sabarís inicia o seu camiño coa firma do contrato

O Concello de Baiona asinou este mércores o contrato do “Proxecto de Reforma do Edificio do Mercado de Sabarís”. O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e o representante da entidade Coto Estudios y Construcciones, SL., adxudicataria da execución das obras de entre as 7 ofertas presentadas ante a mesa de contratación municipal, rubricaron o documento. O importe da licitación ascendía a 520.000 euros (629.200 con IVE), e o contrato asinouse por 460.000 euros (556.000 IVE incluído), cun prazo de execución de 1 ano, tras a firma da acta de comprobación do reformulo.

Con este proxecto acometerase a reforma do edificio norte do Mercado de Sabarís, que ten un importante interese arquitectónico e forma parte, xunto a un inmoble anexo polo sur, dun conxunto construído a mediados do século XX.

Converterase a zona do denominado “Mercado de Sabarís” en novo punto de encontro como espazo comercial e social. Con este proxecto proponse crear unha praza urbana cuberta dotando ao espazo dun uso complementario ao comercial, substituíndo a venda de alimentos frescos por outros pequenos comercios con produtos locais e outras actividades de carácter social e de restauración. Coa reforma proxectada, entre outras actuacións, recuperarase a estética exterior do edificio orixinal, eliminando os engadidos recentes e abrindo grandes ocos e vidros en planta baixa que permitirán e potenciarán a conexión entre o interior e o exterior.

O alcalde destaca que se trata dun proxecto moi “ilusionante” para a parroquia de Santa Cristina da Ramallosa, e que está seguro converterase no epicentro cultural e social da mesma. Neste sentido valorou de forma moi positiva que esta obra poderá ver a luz grazas á achega do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Gómez Prado quixo poñer en relevo que a súa intención será seguir estreitando lazos, “como nunca existiron”, a nivel institucional coa entidade provincial, “xa que a colaboración entre as administracións é fundamental para revitalizar e avanzar construíndo un mellor municipio”.

Anuncios